O Xuvenil A entra na Fase de Ascenso con oito puntos de vantaxe

  • Os canteiráns da SD Compostela loitarán por unha das dúas prazas que dan dereito a subir a División de Honra

Santiago de Compostela, a 30 de Marzo de 2021.

O Xuvenil A da SD Compostela comezará, previsiblemente, a segunda fin de semana de abril, tras unha magnífica primeira fase, a loita polo ascenso a División de Honra. Despois de sumar 40 puntos no primeiro tramo ligueiro, os canteiráns branquiazuis, dirixidos por José Miguéns Rati e Dani Gesto, loitarán por subir á máxima categoría do fútbol xuvenil nunha segunda fase na que parten con oito puntos de vantaxe respecto ao equipo que marca o corte.

Deste xeito, con trece partidos gañados e un empate, precisamente no último duelo contra o Victoria CF, pasan coma terceiros ao Grupo do Ascenso con 40 puntos, aínda que por diante só teñen a dous filiais, o Deportivo B (52) e o Celta B (46). Polo tanto, ocupan a primeira posición das dúas que dan dereito a subir a División de Honra.

Por detrás dos nosos sitúanse o Pontevedra (35), Coruxo (32), Areosa (28), Alondras (27), Racing Club Villalbés (26), Arousa (26) e ED Val Miñor B (26).

Nesta segunda fase, os nosos mediranse aos cinco equipos do Grupo Sur en só partido de ida. Quedan cinco finais e os canteiráns da SD Compostela soñan con seguir coa súa espectacular tempada e lograr un histórico ascenso á División de Honra.

Axel Sánchez e Toni Otero celebrando un gol esta tempada. Foto: Luis Jiménez.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado