O Xuvenil A despídese e o Xuvenil B aséntase no liderado

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

Na fin de semana das vacacións escolares, disputouse unha nova xornada para o fútbol base da SD Compostela cun tempo radicalmente distinto. Mentres que os que xogaron o sábado tiveron que facelo baixo o diluvio, o domingo luciu o sol. A xornada deixounos, entre outros partidos, un novo triunfo do Xuvenil B e a despedida da competición, tras unha tempada fantástica, do Xuvenil A.

Xuvenil A.

O Xuvenil A despediu a súa magnífica tempada, na que acadou o ascenso á División de Honra, cun partido tolo que rematou co resultado final de 3-4 para o Val Miñor B. No último encontro para moitos deles na base, os nosos non puideron festexar unha vitoria, aínda que non importou, xa que o obxectivo estaba xa acadado dende hai semanas.

Nesta última cita, Axel Lim abriu o marcador para os branquiazuis. Remontaron os visitantes, pero nun minuto, antes do intermedio, o Compos dáballe a volta ao luminoso cos goles de Yago e de Hugo Matos. Porén, na segunda metade, foron os vigueses os que anotaron dous tantos consecutivos para acabar levando os tres puntos.

Xuvenís.

O Xuvenil B segue con paso firme na competición e abriu a segunda volta cunha clara vitoria por 8-1 contra o Silleda. Co triunfo e a derrota do Amio, os canteiráns branquiazuis, adestrados por Pablo Antas, colle unha vantaxe de tres puntos no liderado.

No encontro, Christian abriu o duelo xusto antes do intermedio e, na segunda metade, acabaron chegando os restantes goles, con dobretes de Álex Suárez e José del Río e as dianas de Manu Rial, Hugo Martínez e Sergio Martínez.

Pola súa banda, o EF San Lázaro, descansou na Liga, pero xogou un amigable contra o Atlético Cercedense, gañando por 0-1.

Cadetes.

O Cadete A tamén non tivo xornada, pero xogou un amigable en Sigüeiro ante o Oroso, o cal se levaron os locais por 7-1.

O Cadete B non tivo fortuna desta vez e caeu por 1-2 contra o Conxo, deixando o liderado pendente do que poida pasar no encontro que medirá aos seus perseguidores mañá. No seu duelo, Álvaro Espasandín anotou o tanto branquiazul, pero foi insuficiente para sumar algo positivo.

Si sumou de tres o Cadete C, que superou ao Villestro B por 5-2, e colocouse terceiro no seu subgrupo. Manuel Aboal, David Estévez, Manuel López e Sergio Varela, así como un gol en propia porta, propiciaron a remonta dos nosos nos últimos minutos para levar o triunfo.

Infantís.

Na mesma liña que os anteriores, o Infantil A non tivo xornada de liga, pero aproveitou o parón para medirse nun amigable ao Ulla Pontecesures, un encontro que acabou con vitoria branquiazul por 1-3.

Pola súa banda, o Infantil B caeu pola mínima, 3-2, contra o Atlético Fátima, nun duelo no que conseguiu igualar a vantaxe local, pero no que acabou caendo nos últimos minutos. Mateo del Rey e Alejandro Prado anotaron os tantos compostelanistas.

Fútbol-8.

En alevíns, o Alevín-Pato Guillén desfrutou dun auténtico partidazo contra o Vista Alegre, nun duelo que medía ao segundo contra o terceiro. Nun encontro vibrante, serían os segundos os que se levarían o triunfo pola mínima. O Alevín-David Soto colleitou o seu primeiro triunfo do ano tras vencer ao Cacheiras B, mentres que o Alevín-Brais Abelenda segue de líder invicto tras gañarlle ao Lalín C.

En benxamíns, o Benxamín-Sergio Pereira volveu ao liderado tras superar ao Amio SD, mentres que o Benxamín-Jimmy e Saro perdeu pola mínima contra o ED Xuventude Oroso C, líder do grupo.

En prebenxamíns, o Prebenxamín-Bicho perdeu contra o Conxo Santiago, mentres que o Prebenxamín-Baleato gañoulle ao Villestro B.

Fútbol Sala.

Por último, en fútbol sala, o Biberón-Álvaro Casas caeu no seu partido contra o ED Xuventude Oroso.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado