“O traballo excelente de xogadores e técnicos farán posible ese soño que levamos tempo agardando”

Ramón Salgado, esquerda, na presentación de David Soto como novo xogador da SD Compostela.
  • Ramón Salgado confía no ascenso do club e adianta que o patrocinio para a próxima tempada asinarase en breve

Santiago de Compostela, a 28 de Maio de 2020.

Como empresa especializada en hixiene e desinfeccións, Limpezas Salgado levou a cabo nos últimos meses centenares de traballos deste tipo para que moitas empresas e comercios puidesen volver á actividade. Neste senso, o seu xerente Ramón Salgado achéganos tamén as claves para a limpeza dun vestiario de fútbol nesta nova normalidade. Estas medidas levaranse a cabo no Vero Boquete para acoller aos xogadores e corpo técnico branquiazuis, nos que confía para lograr “ese soño que levamos tempo agardando”.

En primeiro lugar, como levan esta corentena?

Como a gran maioría dos galegos, con moita paciencia e con responsabilidade. Coidándonos para coidar dos que nos rodean.

A súa empresa, dentro do sector da limpeza, realiza un labor fundamental como consecuencia do coronavirus. Como se organizaron para cubrir tantas desinfeccións?

Estamos nunha fase na que é fundamental un cambio de hábitos de hixiene reforzando o servizo de limpeza para tratar de garantir, na medida do posible, a nosa saúde. Os nosos esforzos céntranse en conseguir os mellores equipos e produtos desinfectantes para utilizar cos protocolos específicos para a covid-19.

Pasando ao terreo futbolístico, como ven a posibilidade de que o Compos xogue un playoff exprés para ascender?

O playoff para ascender véxoo como a solución menos mala. O noso obxectivo era gozar do equipo e lograr quedar campións de grupo, algo que tiñamos moi ben encamiñado, para despois facernos cun posto merecido na Segunda B. De todos os xeitos, confío plenamente en poder lograr o ascenso con este novo sistema de competición.

A nivel de vestiarios e instalacións, que tipo de limpeza se require para que exista total seguridade?

Os vestiarios poden tratarse con produtos desinfectantes clorados, amonios cuaternarios ou peróxido de hidróxeno, facendo especial atención en pomos de portas, superficies planas e chaves de luz. Ademais, pódese realizar unha limpeza máis en profundidade utilizando maquinaria industrial de vapor, cunha temperatura de ata 175 graos, garantindo a eliminación de bacterias ao 99,9%. Tamén se poderían instalar purificadores de aire.

Cre que veremos ao Compos o ano que vén na Segunda División B?

Por suposto que si, sen ningunha dúbida. Teño unha confianza plena nos nosos xogadores e no equipo técnico, que leva demostrando nestas últimas tempadas un traballo excelente e que farán que podamos conseguir ese soño que levamos tempo agardando.

Contará a SD Compostela 20/21 co apoio, un ano máis, de Limpezas Salgado?

Si. Espero que o acordo para a nova tempada se asine en breve.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado