O soño da Copa escápase na prórroga

Mon pelexa con Sylla, autor do gol definitivo, nun momento do duelo. Foto: Amadeo Rey.

Mon pelexa con Sylla, autor do gol definitivo, nun momento do duelo. Foto: Amadeo Rey.

  • Pese ao gran partido do Compos, o Coruxo levou a eliminatoria no tempo extra cun tanto de Sylla.

Santiago de Compostela, a 16 de Outubro de 2019.

A SD Compostela estivo 120 minutos pelexando polo pase aos cuartos de final da Copa Federación, rozouno, pero acabouse escapando por un gol de Sylla no tempo extra, despois do empate a un tanto no partido. Os branquiazuis dominaron a un rival de categoría superior, con ocasións para adiantarse no marcador, pero decidiu, de novo, o acerto de cara ao arco rival.

Con moitos cambios no once inicial, arrincou o Compos unha nova eliminatoria da Copa Federación no seu fortín. A pesar da choiva caída durante todo o día o campo mostraba unhas grandes condicións, con moita auga, pero perfecto para a práctica deportiva. Así, a pesar das novidades no equipo, os branquiazuis seguiron fieis á súa idea, co balón como premisa.

O Coruxo, un rival de superior categoría, deixou aos nosos manexar a posesión e tentou, desde un principio, aproveitar algunha contra tras roubo. Avisando das súas intencións, no 7, Barril probaba a Anxo desde a frontal, logo dunha perda local.

Con todo, predominaba no xogo, e no ritmo, as intencións dos de Yago Iglesias, quen aos poucos comezaron a merodear pola área contraria. Primeiro, avisou Mon cun disparo raso, aínda que as máis claras chegarían polas bandas. Nunha, Baleato buscou o pase da morte para Gabri Palmás, pero este non chegou por centímetros, mentres que na outra, Saro puxo o centro, Rodri non chegou, pero si Hugo Sanmartín, malia que se atopou coas pernas de Brea no intento de caño.

Así, o duelo chegou ao intermedio co marcador inicial. Á volta dos vestiarios, o encontro seguiu coa mesma tónica, cun Compos que volveu avisar cun disparo de Antas desde tres cuartos que rozou Brea para enviar a córner e nun centro de Gabri Palmás tocado polo porteiro visitante.

Entre medias, os vigueses tamén tiveron a súa cun remate de Silva sacado por Anxo, aínda que serían os verdes os encargados de abrir o marcador, nunha xogada chea de polémica. Antón de Vicente sacou un córner pechado, Anxo tivo que controlar a pelota en dous tempos, pero o colexiado, a instancias do liña, sinalou o gol. Protestaron moito os nosos, pero a decisión estaba tomada.

Aínda quedaban quince minutos por diante e non estaba todo o peixe vendido. A SD Compostela insistiu a polo empate, co apoio da bancada, e acabou atopándoo. No 82, Hugo Sanmartín recibiu na banda e puxo un centro medido ao segundo pau para que Gabri Palmás, tras controlar, superase a Brea coa súa perna esquerda.

A contenda igualouse e xa se albiscaba a prórroga, a cal estivo a piques de evitar Brais Abelenda, cun disparo que se marchou ao lateral da rede. Foi a última antes do asubío final que prolongaba o derbi galego durante trinta minutos máis.

No tempo extra, avisou de novo o dianteiro de Bembibre, tras unha acción de Josiño na que bailou ao seu par e puxo a asistencia atrás, pero nesta ocasión o balón marchou tamén pegado ao pau. Con todo, á contra, no 99, marcou o Coruxo. Mateo atopou a Sylla ás costas dos centrais e o punta visitante galopou para plantarse só ante Anxo, regatealo e marcar coa esquerda a portería baleira.

Novamente, os nosos foron a polo empate, pero esta vez non atopou a sorte. Rozouno na segunda metade do tempo extra cun disparo de Josiño, desde dentro da área, e noutro control na área de Gabri, que despexou a defensa no último segundo.

Non foi o cántaro á fonte e o asubío final decretou a clasificación do Coruxo, que se enfrontará ao Salamanca na seguinte rolda. Non se logrou o obxectivo, pero as sensacións deixadas ante o seu público foron de novos espectaculares, unha liña a seguir durante a competición ligueira para alcanzar as metas desexadas por todos.

FICHA TÉCNICA:

1- SD Compostela: Anxo Pérez; Saro, Queiruga, Soto, Jimmy (Álvaro Casas, m.25); Baleato, Mon; Gabri Palmás, Pablo Antas (Alberto Freire, m.106), Hugo Sanmartín; e Rodri Alonso (Brais Abelenda, m.63).

2- Coruxo FC: P. Brea; A. de Vicente, Lucas (Manu, m.71), P. Salgueiro (J. Vila, m.46), Carlos; Martín Fuentes, Borja Yebra; Sylla, Barril, Óscar M. (Kevin Mendoza, m.61); e Silva (Mateo, m.91).

Goles: 0-1: Antón de Vicente, min.74; 1-1: Gabri Palmás, min.82; 1-2: Sylla, min.99.

Árbitro: Valdés Díaz (Asturias). Amoestou a Anxo Pérez e Queiruga, polo Compos; e a Barril, Martín Fuentes e Brea, polos visitantes.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido dos Oitavos de Final da Copa Federación disputado ante 500 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado