O Sigüeiro seguirá como filial da SD Compostela unha tempada máis

Antonio Liñares e Antonio Quinteiro, en representación de ambos clubs, durante a firma do convenio na Sala de Trofeos da SD Compostela.

  • Ambos clubs asinaron a renovación do convenio esta mesma semana

  • O conxunto de Oroso, tras unha gran tempada, militará unha campaña máis na Preferente Norte

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022

O Sigüeiro Fútbol Club seguirá actuando como filial da SD Compostela unha tempada máis. O conxunto de Oroso, que milita na Preferente Norte, manterá a súa condición de conxunto asociado ao Compos trala firma da renovación, esta mesma semana, do convenio que liga a ambas entidades.

Neste sentido, manterase a mesma estrutura, que tan bos réditos deu este pasado ano, cunha parte deportiva e outra socioeconómica. Na parte deportiva establécese que a dirección deportiva do proxecto recaerá nunha comisión con representación de ambos clubs, mentres que as directivas velarán polo cumprimento do convenio. A maiores, os abonados de Compos e os do Sigüeiro pódense beneficiar de descontos para asistir aos partidos do outro equipo.

Froito desta unión, que se espera que dure moitos anos, cabe destacar que este pasado curso adestraron co primeiro equipo da SD Compostela bastantes xogadores do Sigüeiro, producíndose o debut de varios deles: Roque, Santi de Prado e Mario.

Ademais, o equipo de Preferente, adestrado por unha persoa da casa como Cardeñosa, serviu de trampolín para os futbolistas do Xuvenil de División de Honra. Ao longo do ano, no que loitaron polo ascenso, pasaron a formar parte do filial Izan Márquez, Roi Rama ou Leo, que se sumaron aos que xa deran o salto durante o verán (Yosi, Roque, Mario ou Yago).

Trala firma da prolongación do convenio, Antonio Liñares e Antonio Quinteiro, en calidade de presidentes de ambos clubs, mostraron a súa satisfacción pola continuidade do acordo, seguindo con este bonito e frutífero camiño. Desde xa, a comisión deportiva poñerase a traballar no plantel para a Tempada 2022/23.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado