O selo Galicia Calidade, novo patrocinador do Compos

Antonio Quinteiro, esquerda, xunto a Manuel Heredia, na presentación do acordo na Tenda Oficial.

  • A prestixiosa marca lucirá nas camisetas de adestramento do primeiro equipo

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

Galicia Calidade e a SD Compostela presentaron esta mañá na Tenda Oficial do Club, na Rúa da Raíña, o acordo polo cal o selo de garantía promovido pola Xunta de Galicia patrocinará as camisetas de adestramento do primeiro equipo.

En virtude deste acordo, todos os equipamentos de adestramento, tanto de xogadores como técnicos, lucirán unha das marcas máis representativas do noso país. O modelo de camiseta Adidas elixido é ademais un dos produtos de maior éxito de ventas na tenda oficial do club, incrementándose o atractivo da mesma coa prestixiosa firma de Galicia Calidade que locen dende hoxe no seu frontal.

Para presentar este acordo, estiveron presentes Antonio Quinteiro, presidente da SD Compostela, e Manuel Heredia, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia.

“Galicia Calidade é un selo de garantía que leva dende 1995, de carácter multisectorial, sendo un deles o deporte. Galicia Calidade representa o noso talento e a nosa cultura, tendo un espazo moi importante nel o ámbito deportivo. Neste caso, apoiamos á Sociedade Deportiva Compostela para achegar o selo á xente máis moza. Ese relevo xeracional é moi importante para que nos coñezan, non só na nosa terra, senón tamén de Galicia para fóra”, expresou o máximo expoñente da marca.

Ademais, Manuel Heredia destacou a oportunidade que lle brinda o Compos a Galicia Calidade de “trasladar a identificación fóra das nosas fronteiras” ao xogar polo territorio nacional, pero tamén pola situación da súa Tenda Oficial. “Estando no casco vello da cidade e co tipo de clientela tan diverso que pasa por aquí, tanto local coma internacional, agardamos que o selo viaxe polo mundo adiante e que os turistas o trasladen aos seus países de orixe”, concluíu.

Pola súa banda, Antonio Quinteiro fixo fincapé na importancia desta unión para o club. “É un acordo moi importante, porque trasladar a imaxe de Galicia Calidade fóra das nosas fronteiras é todo un orgullo. Temos o papel de transmitir a súa imaxe, levar a marca do noso territorio alá onde cheguemos. Estamos moi contentos de levalos na nosa camiseta”, remarcou.

Do mesmo xeito, apuntou os pasos adiante que está a dar a SD Compostela en todos os niveis. “O club vai crecendo, cada tempada imos dando avances en canto á repercusión e iso ten que ser aproveitable para que calquera marca ocupe a nosa camiseta e teña visibilidade. O Compostela foi un equipo moi importante no seu momento e agora está volvendo a selo”, comentou ante os medios de comunicación.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado