“O obxectivo do ascenso está gravado a lume no vestiario”

19 de Xuño de 2020
Pedro Leis Adestramento 1
Pedro Leis, nun adestramento de preparación do playoff.
  • Pedro Leis destaca a ambición do equipo e o labor de Yago como adestrador

Santiago de Compostela, a 19 de Xuño de 2020.

Durante os dous últimos anos, Pedro Leis foi un habitual nos adestramentos da SD Compostela. O capitán do Filial estivo durante os dous últimos cursos ás ordes de Yago Iglesias, adestrador que xa coñecía da súa etapa como xuvenil, e mesmo chegou a debutar en Liga a tempada pasada. Como voz autorizada, o xogador santiagués destaca a ambición que ten o equipo de cara ao playoff exprés, unhas eliminatorias nas que agarda que se logre o ascenso, polo ben do club, pero tamén dos afeccionados e da cidade.

En primeiro lugar, como levas a volta aos adestramentos despois de tantos meses parado?

Con moita ilusión, porque adestrar todos xuntos significa que estamos superando o tema da covid-19. A nivel de sensacións, considero que fixemos un bo plan de preparación previa aos adestramentos, tanto xuntos, por vídeo chamada, como individualmente, polo que chegamos cunha boa condición física ao momento de pisar o céspede de novo.

Despois de dous anos adestrando regularmente con eles, como ves ao equipo para este playoff exprés?

O vestiario ten máis fame que nunca. Tanto xogadores como corpo técnico, xuntos, forman un grupo moi ambicioso e iso percíbese na intensidade e ilusión polo traballo do día a día. O nivel dos adestramentos é moi alto e o obxectivo do ascenso está gravado a lume no vestiario.

En que aspectos consideras que mellorou máis o Compos este ano respecto ao curso pasado?

De entrada, hai un punto máis de madurez que se adquire inevitablemente coa experiencia. A partir de ese punto de experiencia, este Compos ampliou os rexistros e recursos futbolísticos para afrontar os partidos. Por tanto, o equipo ademais de pulir os seus puntos fortes, reforzou os débiles e incluso aprendeu a manexar situacións de partidos pouco habituais, polo que poida pasar. Sempre hai un plan A, un plan B, un plan C… un para cada letra do abecedario.

Cres que se acadará o ansiado ascenso en Balaídos?

Oxalá que así sexa. Xa é bonito pensalo, así que oxalá se materialice. Aparte de para xogadores, corpo técnico e directiva, creo que é un regalo para os afeccionados. O Compos move unha cantidade enorme de xente que fai moito ruído no Vero Boquete de San Lázaro e por tódolos campos aos que se despraza o equipo. A isto súmase a pena de que a afección non poda vivilo en primeira persoa, polo que nada mellor que levar o ascenso ás súas casas. E xa deixando a entidade de lado, creo que o ascenso implica un punto de nivel para sumar á cidade. Santiago xa é espectacular, así que sumarlle o aliciente de mover e facer vibrar aos afeccionados cada fin de semana é, cando menos, apaixonante.

Soñas con volver a xogar co primeiro equipo nese playoff exprés?

Si, claro, pensar na posibilidade de poder axudar ao equipo nun punto tan bonito da tempada fai que o traballo do día a día se afronte cunha seriedade enorme. Así que trato de manterme preparado e estar listo por se o equipo o necesitase.

A nivel persoal, que che pide Yago nos adestramentos?

O míster pídeme, tanto a min como aos compañeiros, que pensemos moito. Todo o que me pide no campo ten un porque e moitas veces consigue que me leve inconscientemente o adestramento á casa, en forma de pensar sobre que fago ben, que fago mal e como corrixilo. Ademais, xa nun plano máis colectivo, non nos permite relaxarnos. Polo tanto, sempre me esixe como a calquera outro compañeiro dar o 100% en cada adestramento.

Que destacarías del como adestrador?

Indo por orde, creo que en primeiro lugar destacaría o seu traballo e a súa ilusión por esta profesión. Yago foi o meu adestrador na miña etapa xuvenil e o que fai hoxe cun grupo de Terceira División xa o facía cun grupo de rapaces. Leva toda a vida deixándose a pel no seu traballo, con máis ou menos recursos, o cal de entrada merece un respecto que, a día de hoxe, se reflexa nos resultados e na actitude dos xogadores de cara a el. E xa en segundo lugar, ten unha personalidade que sumada ao traballo do que falaba, forman unha figura que se fai respectar, con dotes de mando e xestión do grupo. É un adestrador que deixa marca no futbolista.

E dos compañeiros, é tan bo o ambiente dentro do vestiario como se di?

Si, dende logo. Calquera que entra a formar parte deste acóplase á perfección. Sorprende a conexión que hai de cara a acadar obxectivos e de cara a pasalo ben e divertirse, independentemente das diferenzas de idade. Da a sensación de que o grupo leva xunto moitos anos. Este ambiente facilita moito o traballo dentro do campo e tamén fóra deste.

Que supuxo para ti, a tempada pasada, poder debutar en Terceira División co Compos?

Para min foi do mellor que vivín no fútbol ata agora. Saber que estaba a xogar nun campo ao que ía de pequeno a ver partidos dende a grada e con tanta historia, sumado a estalo a facer para o equipo da cidade e de forma oficial, compuxo unha combinación de sentimentos bastante especiais.

Toda a experiencia que levas acumulada nestes dous anos, notas que che axuda a mellorar como futbolista?

Probablemente, aprendín máis nestes dous anos que en toda a miña vida. Grazas a compañeiros e corpo técnico sempre teño a sensación de que hai algo novo que aprender. Así é que trato de empaparme de todo o posible en cada adestramento.

Pasando ao Filial, que cres que faltou este ano para non acabar en posición de ascenso?

Penso que o equipo tiña capacidade para finalmente acadar a posición de ascenso de non ser pola situación da pandemia. Quitando o irremediable, quizá influíu que se formou un grupo novo practicamente dende cero. Non é sinxelo encaixar futbolisticamente a todo un grupo no primeiro ano. Agora comezará unha nova tempada na que gran parte do grupo xa se coñece, o cal pode simplificar enormemente o proceso.

Cales poden ser as claves para lograr o salto á Primeira Rexional a próxima tempada?

Seguindo o fío da pregunta anterior, remarco a importancia de, agora si, ter formado un grupo de xogadores que se coñecen a nivel persoal e futbolístico. O método de traballo céntrase no plan de grupo e individualmente podemos desprendernos da carga de ter que aprender primeiro como xoga o compañeiro: se quere o balón ao pé ou en largo, que movemento meu pode facilitarlle o xogo… unha serie de pequenos detalles que, en conxunto, son tan importantes. E agora xa temos a experiencia dese primeiro ano. Moitos xogadores chegaban por primeira vez a esta categoría atopando un tipo de xogo distinto ao que practicaban como xuvenís, por exemplo. Xa para concluír, tampouco nos sorprende o tipo de partido que se pode dar con certo equipo ou en certo campo. A seguinte tempada vai ser ben distinta para nós.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1
  • COMPOSTELA- 0 LANGREO- 1

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

1 day ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Michel Alonso 🗣️ Valoración do técnico branquiazul trala derrota o UP Langreo#ComposLangreo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
O Compos cae no Vero Boquete contra o Langreo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
🔚 FINALCOMPOS 0️⃣-1️⃣UP Langreo#ComposLangreo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
𝐃𝐄𝐒𝐂𝐀𝐍𝐒𝐎 ⏸COMPOS 🩵🤍0️⃣-0️⃣UP Langreo#ComposLangreo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.