O novo proxecto da SD colle forma

Mitogo

David Edu García “Mitogo”. Fonte: lapreferente.com

Santiago de Compostela, a 28 de Xuño de 2016.

David Edu García “Mitogo”, Cesáreao Seoane Mella “Saro” e Samuel Rodríguez Noya “Samu” son as tres primeiras incorporacións do conxunto compostelán para a nova tempada.

Dicía Yago Iglesias na súa presentación que buscaban xogadores novos pero non por iso, inexpertos na categoría, e estas tres incorporacións veñen cumprir estes requirimentos, xa que son tres xogadores que militaron o curso pasado en terceira división.

Dous deles, “Saro” e “Samu”, son vellos coñecidos do técnico santiagués, quen os adestrou a tempada pasada no Noia.

Cesáreo Seoane é un lateral dereito de 26 anos, que disputou co Noia 35 encontros, 26 deles como titular, e pode alternar o lateral con posicións máis avanzadas. Mentres que Samuel Rodríguez é un mediocentro de 21 anos co que Yago Iglesias contou en todos os encontros nos que estivo dispoñible. Disputou un total de 36 partidos, excepto un, todos eles desde o inicio, e tan só se perdeu dous encontros por acumulación de cartóns. Ademais, tamén marcou catro goles.

Pola súa banda, “Mitogo” é un dianteiro de 26 anos que procede do CD Barco, onde a tempada pasada disputou 31 partidos, 22 deles como titular, nos que anotou 10 goles, sendo un dos referentes do equipo do Barco de Valdeorras.

Con estas tres incorporacións o novo proxecto de Yago Iglesias vai collendo forma. O adestrador e a comisión deportiva seguirán rastrexando o mercado, en busca dos xogadores máis adecuados para este novo proxecto.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado