O Estradense elimina ao Compos da Copa RFEF

Pablo Durán pelexa polo balón, trala parada de Coke no man a man con Primo. Foto: Amadeo Rey.

  • Os branquiazuis caeron por 1-0 na prórroga

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2021

A SD Compostela quedou eliminada da Copa RFEF tras caer na prórroga, en cuartos de final, por 1-0 contra o CD Estradense. Os branquiazuis buscaron a vitoria durante os 120 minutos de xogo, pero atopáronse cun sólido equipo local, capaz de rendibilizar a súa oportunidade no tempo extra, mercé ao penalti transformado por Brais Calvo no 93.

Na súa estrea no torneo, o Compos viaxou ao Novo Municipal da Estrada coa intención de buscar o pase de rolda, o que lle levou a unha saída fulgurante na que rozou o tanto en dúas ocasións. Nos minutos iniciais, primeiro Coke salvou un man a man con Primo e, a continuación, Salado, nunha entrada por banda esquerda, atopouse co traveseiro, na que foi a mellor opción dos nosos no primeiro acto.

Co paso dos minutos, nun partido típico de pretempada, as forzas fóronse igualando, coas defensas impoñéndose aos ataques. Con todo, no último cuarto de hora do encontro, a contenda puido caer para o lado compostelanista noutras dúas opcións para Primo. No 73, tras virarse á perfección no interior da área, marrou no disparo, e, no 82, non puido materializar un remate dende o punto de penalti.

Por iso, o duelo marchouse á prórroga onde decidiu o tanto de penalti de Brais Calvo, no 93. Ata o asubío final, os nosos seguírono tentando, especialmente cun disparo ao lateral da rede de Pablo Durán, tras regatear ao porteiro, pero a contenda xa non se moveu e o Estradense puido celebrar o pase ás semifinais.

FICHA TÉCNICA:

CD Estradense: Coke; Ander, Carabán, Martín Sánchez, Óscar López; Brais Vidal, Javicho, Marcos Mella; Juanín, Borja Míguez e Dieguito. Tamén xogaron: Martín Vilar, Mateo, Brais Calvo e Michi.

SD Compostela: Pato Guillén; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres, Salado; Samu, Pablo Antas, Jordan; Pablo Durán, Josiño e Primo. Tamén xogou: Saro.

Goles: 1-0: Brais Calvo (p.), min.93.

Árbitro:  Vidal Fonseca (Santiago). Amoestou con tarxeta amarela a Borja Míguez, polo Estradense; e a Josiño, polo Compostela.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado