O Compostela perde pola mínima a pesar do esforzo da segunda metade

Toño de la Parra

 

Non era un partido fácil para os homes de Fredi, pois o cadro compostelano enfrontábase ao C.D. Tudelano, o equipo máis en forma da segunda volta que se sitúa en postos de play off ó sumar seis xornadas consecutivas sen perder. Pola súa banda a S.D. Compostela afrontaba o encontro afectado pola baixas. Ás lesións de longa duración de Joãu Camacho e Joaquín uníronse as baixas de Javi Moreno, Dani Hernández e Marqueta por sanción e a ausencia de Bicho por motivos persoais.

Malia os contratiempos o equipo viaxaba a Tudela coa ilusión de frear a boa racha do conxunto dirixido por Manix Mandiola, pero as cousas puxéronse costa arriba para os de Fredi. Os locais comezaron o partido ameazando a portería de Pato cando ós dez minutos de xogo chegaba a primeira ocasión do Tudelano cun disparo envelenado de Lázaro que finalmente estrélabase no longueiro. Era o primeiro aviso dos locais que non deron marxe de reacción á S.D. Compostela, pois no minuto 12, por medio dunha xogada desde a banda esquerda, Ibai poñía por diante no marcador ós navarros.

Os de Manix Mandiola levaban o ritmo do partido deixando poucas opcións para o Compostela. Manu Rodríguez tivo a ocasión máis clara da primeira parte por medio dun remate de cabeza que se marchaba fóra por moi pouco. Pero o susto volvía chegar para os de Fredi con outro gol do Tudelano no minuto 18 que o coleiado anulou por fóra de xogo. Tamén Alex, que xeraba perigo constantemente, logrou desmarcarse no min 36 ameazando a portería de Pato, pero Jimmy lograba frear ao dianteiro navarro.

O Compostela empezaba a reaccionar e a achegarse ó área contraria, pero os locais repregábanse no seu campo con rapidez pechando espazos e deixando pouco marxe de manobra á Esedé.

Tralo paso por vestuarios Fredi axilizó os cambios e concedeu minutos a Jordan en lugar de Josu en busca dun revulsivo en ataque. O Compostela empezaba a reaccionar en busca do empate con boas ocasións de Goti e Manu Rodríguez, pero faltaba acerto na finalización das xogadas.

Os de Manix Mandiola sentíanse cómodos e contiñan o partido defendendo no seu campo e buscando a contra nos seus xogadores máis ofensivos. Aos poucos o partido foi morrendo e a pesar do esforzo dos de Fredi por buscar o gol do empate non houbo tempo para máis e o partido pechábase cunha amarga derrota pola mínima.

A próxima xornada a S.D. Compostela recibirá en casa ao C.D. Lealtad coa misión dunha vitoria obrigada para seguir mantendo viva a posibilidade de salvar a categoría.

FOTOGRAFÍA: Toño da Parra

FICHA TÉCNICA

C.D. TUDELANO (1): Pagola, Delgado, Paris, Lalaguna, Jonathan, Lázaro, Valero, Chema Mato- (Azpilicueta, min 81), Alex Sánchez – (Iván Marín, min 62), Victor Bravo- (Samanes, min 88), Ibai Ardanaz (1)

S.D. COMPOSTELA (0): Pato, Josu – (Jordan, min 46), Jimmy, Marcos Rodríguez, Catu, Portela-(Sergio Sánchez, min 67), Jesús Varela – (Juan Rey, min 82), Manu Rodríguez, Guillem, Fondevila.

GOLES: 1-0 (min 12)

ÁRBITRO: Josep Subirats do Comité Territorial Catalán sancionou con cartón amarelo por parte do C.D. Tudelano a: Alex Sánchez (min 37) e Delgado (min 70).

Por parte da S.D. Compostela amonestou con cartón amarelo a: Manu Rodríguez (min 6), Josu (min 42), Catú (min 83) e Fondevila (min 89).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 31 xornada de liga disputado no Estadio Municipal Ciudad de Tudela no que se gardou un minuto de silencio polas vítimas do atentado de Bruxelas e o falecemento de Johan Cruyff.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado