O Compos xa está na final polo ascenso

  • Noventa minutos separan ao equipo da Segunda B, logo de derrotar ao CD Barco por 3-1

Vigo, a 18 de xullo de 2020.

O primeiro paso xa está logrado. O Compos está na final polo ascenso do Playoff Exprés logo de derrotar por 3-1 ao CD Barco. Os branquiazuis foron superiores aos seus rivais sobre a alfombra de Balaídos e puideron celebrar a clasificación para a última rolda.

Cun gran arranque, a SD Compostela púxose con dous goles de vantaxe antes dos vinte minutos. Primeiro foi Jimmy de volea e despois Primo, á saída dun córner, quen colocaron o duelo con clara vantaxe para os nosos. Ao fío do descanso, o Barco recortou distancias cun gol olímpico de David Álvarez, pero os nosos non sufriron e pecharon a contenda co terceiro, obra de Gabri Palmás no desconto.

Concienciados co que tiñan por diante e sen pesarlle os catro meses de inactividade, a SD Compostela saltou a Balaídos cunha misión entre cella e cella, a de gañar para lograr o pasa á final do playoff exprés. Os branquiazuis saltaron cos cinco sentidos postos e en escasos minutos xa comezaron a merodear a área de Oviedo.

Deste xeito, con este pulo inicial, Primo tivo o primeiro no 3, nun man a man que sacou o porteiro, pero este xa non podería facer nada cinco minutos máis tarde. Miki gañou o esférico en banda dereita, serviuna atrás para Bicho e o mediapunta inventouse un cambio de orientación ao pé de Jimmy, quen entrando desde atrás empalou ao fondo das mallas coa súa magnífica zurda.

Xa por diante no marcador, o Compos comezou a dominar aínda máis co esférico, sometendo a un Barco cun equipo moi aberto. Os espazos que se xeraban eran aproveitados polos nosos e así se xerou a xogada do segundo, nun córner precedido dun disparo de Bicho desde a frontal, que golpeou nun defensa e marchouse preto do pau.

Desde a esquina, os compostelanistas tiraron de estratexia para colocar o segundo. Samu púxoa no primeiro pau, peiteou Soto e Primo, coa cana preparada, só tivo que empuxala no segundo.

E aínda puido ser máis, xa que, no 21, Miki, recibiu só na frontal da área, pero o seu disparo raso foi repelido polas pernas de Oviedo.

Co paso dos minutos, ambos foron acusando o cansazo e as altas temperaturas, aínda que tras a pausa de hidratación, volveron recuperar o ritmo frenético. Así, Miki tivo o terceiro de novo nun servizo de Saro ao que non chegou por centímetros.

Con todo, o que acabaría anotando sería o CD Barco, de novo, nunha xogada desde a esquina. David Álvarez, todo un especialista nestas lides, enganou a toda a defensa e a Pato colocando un servizo medido ao segundo pau que, tras pegar no pau, acabou na rede. Metíanse así os valdeorreses no encontro, xusto antes do intermedio.

Á volta dos vestiarios, o Compos recuperou as boas sensacións do inicio do partido e ameazou xa desde o primeiro minuto ao Barco. En escasos sesenta segundos, Miki xa probara a Oviedo, nun man a man no que non puido cargar o disparo coa zurda.

Si o fixo, de falta directa, Pablo Antas, pero o porteiro atrapou abaixo, mesmo resultado que atopou Bicho, nun zurdazo con dureza que lle saíu centrado. E nunha terceira mostra de reflexos, Oviedo volveu voar para salvar o terceiro tanto branquiazul. Nesta ocasión, Samu colgou o córner ao punto de penalti, lugar onde se alzou Baleato para conectar un gran cabezazo colocado, pero o meta salvouna coa xema dos dedos.

Co carrusel de cambios, o Barco deu un paso adiante no campo buscando un tanto que o metese no partido, con todo, a pesar de merodear a área branquiazul, os nosos souberon aguantar e volver xerar perigo á contra.

Primeiro, no 90, Hugo Sanmartín tentou unha vaselina que parou Oviedo por pouco. Logo, Gabri Palmás, no seu primeiro toque de balón, atopou o pé do porteiro. E nunha terceira ocasión, acabou chegando o gol, tamén cunha xogada dos xogadores de refresco. Josiño atopou o espazo na área, viu a entrada de Gabri Palmás no segundo pau, e puxo unha asistencia coa dereita para que o extremo de Moaña só tivese que empuxar o balón á rede.

Coa sentenza, que chegou no 95, o Compos pechou o partido e puido celebrar o pase á desexada final. Dentro de sete días, Balaídos acollerá a final polo ascenso coa SD Compostela como un dos contendentes. O primeiro paso xa está logrado. Faltan 90 minutos!

FICHA TÉCNICA:

3- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy; Samu (Josiño, m.92), Pablo Antas; Miki (Hugo Sanmartín, m.69), Bicho (Gabri Palmás, m.92), Brais Abelenda (Baleato, m.62); e Primo.

1- CD Barco: Oviedo; Segura (Andrés, m.60), Javi, Omar (Paquito, m.67), Oli; Moreira, Rubén García (Villar, m.82); David García, Íñigo Pisón (Caique, m.67), Ivi Vales; e Juanito Bazo (Diego Tato, m.82).

Goles: 1-0: Jimmy, min.8; 2-0: Primo, min.17; 2-1: David Álvarez, min.43; 3-1: Gabri Palmás, min.95.

Árbitro: López Fernández (Lugo). Amoestou a Pablo Antas, pola SD Compostela; e a Oviedo, Javi e Oli, polo CD Barco.

Incidencias: Semifinais do Playoff Exprés de ascenso á Segunda División B disputado no Estadio Municipal Abanca Balaídos. Antes de iniciarse o encontro, ambos os conxuntos gardaron un minuto de silencio na memoria das vítimas da covid-19.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado