O Compos vence e convence no fortín

Celebración de Primo no seu gol. Foto: Amadeo Rey.

  • Os nosos superaron por 3-1 ao Móstoles, nun duelo no que dominaron dende o inicio

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2021

A SD Compostela venceu e convenceu no segundo duelo consecutivo no Vero Boquete. Os nosos repetiron vitoria no fortín, superando por 3-1 ao Móstoles, nun duelo no que dominaron dende o inicio, apoiados polos seus dende a bancada.

Pablo Antas, de penalti no 8, e Primo, no 35, deixaron en vantaxe ao Compos na primeira metade, e Salado, nos últimos minutos, sentenciou un duelo no que Álvaro Sánchez, no 89, anotou o tanto da honra.

Como fai sete días, o partido no fortín branquiazul non puido comezar mellor para o Compos. Comentaba Rodri o venres en rolda de prensa que oxalá se marcase un tanto pronto e, cumprindo os seus prognósticos, así foi.

Os nosos saíron moi enchufados e iso percibiuse aos sete minutos, cando Primo, tras roubar un servizo atrás dun defensor, entraba na área, recortaba entre os centrais e era trabado por detrás por Mantovani, penalti. Como o domingo pasado, aínda que noutro contexto, Pablo Antas colleu a responsabilidade, tirou de temperanza e cruzouna ao pau esquerdo de Tejero, facendo imposible a estirada do gardameta, un golazo.

Reaccionando ao tanto local, o Móstoles buscou a igualada nunha acción individual de Toni, na que partiu dende a banda e disparou no pico da área ao lateral da rede.

Con todo, o encontro era de dominio compostelanista e así se fixo notar co paso dos minutos. No 27, froito da insistencia local, Rafa Mella roubou na frontal da área e sen pensalo probou un disparo que saíu rozando o pau. E dous máis tarde, o propio Rafa atopou o espazo na banda e puxo un centro medido para Escudero, quen a controlou na área, pero mandouna arriba na volea.

E de tanto insistir, acabou chegando o segundo da tarde. Tras un saque de esquina botado en curto, Salado e Josiño xuntaron as súas zurdas na lateral da área para facer das súas e, como premio, chegou o gol. O mago de Bueu, aproveitando a superioridade, regateou ao seu par e entrou pola liña de fondo para deixar o pase atrás a un Primo que, tras acomodala, soltou un tremendo zambombazo que rebentou a rede.

Ata o descanso, a pesar da insistencia local, o marcador xa non se moveu, polo que se chegou coa vantaxe dobre dos nosos.

Á volta dos vestiarios, coa mesma premisa que ao comezo, os compostelanistas quixeron xerar o mesmo perigo, pero a aparición dunha choiva intensa e o paso adiante dos visitantes, levou ao encontro a un perigoso ida e volta.

Probouno primeiro o Móstoles, nunha rápida contra, tras roubo no centro do campo, na que Portilla puxo o servizo e Obama rematou, pero Pato tapou abaixo e despexouna. A seguinte foi para o Compos, nun lanzamento de falta de Pablo Antas que sacou de puños Tejero. E nese intercambio de golpes, tralos cambios, os visitantes tiveron a opción máis clara nun man a man de Toni, pero Pato fíxose enorme, tapando todos os ocos, e sacou coas pernas o intento do mediapunta.

Tralo susto visitante, a recta final do choque volveu ser de clara cor branquiazul, cun Compos que foi a máis e que rozou o terceiro, nun intervalo de tres minutos, en dúas claras oportunidades. No 76, Primo peiteou un servizo de falta de Samu e a pelota, tras superar ao porteiro, estrelouse no poste. E no 79, un servizo en profundidade do propio ariete cántabro chegoulle a un Pablo Durán moi fresco, quen a tentou cruzar, pero o seu golpeo saíu fóra por escasos centímetros.

Como resultado desa insistencia, aproveitando os espazos deixados por un rival que o tentaba á desesperada, acabou chegando a sentenza nunha contra de libro, no 84. Fer Beltrán recibiu con vantaxe, Primo fixo o desmarque para deixar o espazo, e o mediocentro do Saviñao  serviuna con suavidade para a entrada a toda velocidade de Salado, quen a controlou e fusilou ao porteiro polo primeiro pau.

Con todo, antes de acabar o encontro, o Móstoles anotou o gol da honra, mercé a un gran disparo de Álvaro Sánchez que entrou pola escuadra.

Co 3-1 final, a SD Compostela selou o dous de dous na casa, dúas vitorias moi importantes para este inicio ligueiro e, ademais, deixando grandes sensacións. Con sete puntos, a semana próxima tocará visitar ao filial do Leganés, quen suma seis.

FICHA TÉCNICA:

3- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Matías, Salado; Pablo Antas (R. Baleato, m.80); Rafa Mella (Pablo Durán, m.70), Jordan (Samu, m.59), Josiño (Fer Beltrán, m.59), Escudero (Saro, m.80); e Primo.

1- CD MÓSTOLES URJC: Tejero; Juancar (Recalde, m.76), Mantovani, Alexander, S. Gassama (Guito, m.62); Ledesma; Portilla (Irizo, m.76), Toni, Romera (Fernando, m.76), Chupe; e Obama (Álvaro Sánchez, m.68).

GOLES: 1-0: Pablo Antas, min.8; 2-0: Primo, min.35; 3-0: Salado, min.84; 3-1: Álvaro Sánchez, min.89.

Árbitro: Agudo Daza (Asturias). Amoestou a Primo e Roque, polo Compos; e a S. Gassama, Alexander, Mantovani, Toni e Irizo, polo Móstoles.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 3 de Liga da Segunda RFEF disputado ante 1.100 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado