O Compos suma un novo punto en Avilés

O equipo celebrando o gol de Pablo Antas.

  • Os nosos adiantáronse no marcador dúas veces, pero en ambas igualaron os locais
  • Pablo Durán e Pablo Antas, un en cada parte, anotaron os goles en terras asturianas

Avilés, 16 de abril de 2022

A SD Compostela sumou un novo punto en Avilés, nun encontro no que se adiantou dúas veces no marcador, pero en ambas igualaron os locais. Os nosos encadean xornadas sen perder de visitantes, uns resultados que tocará facer bos no fortín.

Esta tarde, nun encontro moi serio, Pablo Durán adiantou ao Compos aos 25 minutos, primeira vantaxe neutralizada por Sergio García, cun gran lanzamento desde a frontal. Na segunda parte, foi Pablo Antas o que puxo o 1-2, cun gran remate de cabeza á saída dun córner, pero Morcillo, no 67, empatou noutra acción desde a esquina.

A SD Compostela tiña unha reválida en Avilés. Tras moitas semanas sen saborear a vitoria, os nosos querían reencontrarse co mel do triunfo na visita ao Román Suárez Puerta. Para iso, coa mesma formulación de dominar o esférico, Rodri deu entrada a Salado, Fer Beltrán e Parapar como novidades.

Partindo coa premisa clara de someter ao rival a través da posesión, os branquiazuis atopáronse con dificultades no arranque, ante un Real Avilés ben asentado. Con todo, co paso dos minutos, a táctica dos compostelanistas comezou a facer efecto e chegaron as ocasións de perigo.

Primeiro, no 21, Pablo Durán non foi quen de superar no man a man a Davo, logo de recibir ás costas dos centrais. No 23, Jordan mandou rozando o traveseiro un lanzamento desde a frontal. E no 25, á terceira, foi a vencida.

Escudero recibiu ao espazo na banda esquerda, gañou a partida ao lateral e puxo un centro potente coa zurda que non foi quen de atrapar o porteiro, sendo aproveitado por Pablo Durán, moi atento, para empuxala ao fondo da rede.

Con todo, co equipo ben asentado e sen conceder nada atrás, chegou o empate oito máis tarde nunha acción illada. Tras un centro desde a esquerda, Sergio García controlouna na frontal, buscouse o oco e soltou un gran lategazo que se coou pola escuadra. 1-1.

De novo en táboas, o Compos tivo o segundo aos poucos instantes, pero Parapar, tras gañar a partida ao defensor, non tivo tempo para sortear ao porteiro coa zurda. Por tanto, chegouse ao intermedio co empate no marcador.

Á volta dos vestiarios, coa mesma tónica que na primeira metade, o Compos seguía co dominio dos tempos do encontro, controlando as ondadas locais e sen medo a achegarse a área rival.

Deste xeito, chegou o primeiro aviso nas botas de Parapar, cun tiro potente coa zurda que cazou Davo con problemas. Non foi nesta, pero si na seguinte, na que chegou o gol.

Desde a esquina, como fai sete días, Jordan lanzouna ao primeiro pau e por alí apareceu, de novo, o capitán do equipo, para mandala á rede. Co brazalete, por primeira vez dende o inicio, Pablo Antas levantouse entre a zaga para conectar un soberbio testarazo que entrou pegado ao poste.

Co segundo da tarde, os nosos tiñan o encontro onde querían, pero a alegría durou pouco, xa que doce máis tarde, noutra xogada dende a esquina, equilibraron os asturianos. Saque botado ao primeiro pau, peiteada ao segundo e alí apareceu Morcillo para empalala de volea ao fondo das redes.

Ata o final, o encontro trabouse, con continuas interrupcións e sen ocasións nas áreas. Por iso, o marcador xa non se moveu e o duelo acabou con repartición de puntos. O vindeiro domingo, no fortín, nova final contra o Arosa.

FICHA TÉCNICA:

2- REAL AVILÉS INDUSTRIAL CF: Davo; Nacho, Estelles, Morcillo, Carrión; Vidorreta, Javi Pérez, Iago Díaz (Hualde, m.58); Sergio García (Cedrik, m.63), Kilian (Toni, m.78) e Natalio (Ródenas).

2- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Roque, Roberto Baleato, Guille Torres, Salado; Pablo Antas, Fer Beltrán (Mario, m.74), Jordan; Parapar (Rafa Mella, m.74), Escudero (Josiño, m.86) e Pablo Durán (Primo, m.74).

GOLES: 0-1: Pablo Durán, min.25; 1-1: Sergio García, min.33; 1-2: Pablo Antas, min.56; 2-2: Morcillo, min.67.

Árbitro: Casteláns Argüeso (Cantabria). Amoestou a Iago Díaz, Morcillo, Vidorreta e Hualde, polo Avilés; e a Roque, Salado, Pablo Antas, Mario e Guille Torres, polo Compos.

Incidencias: Estadio Román Suárez Puerta (Avilés). Partido da xornada 30 de liga do Grupo 1 da Segunda RFEF. Acompañando ao equipo, un centenar de afeccionados branquiazuis, entre eles, o Xuvenil A que xogará mañá en Cantabria.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado