O Compos roza o triunfo nun partido moi serio no campo do líder

  • Un tanto no 92 evitou que os tres puntos se marchasen para Santiago

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2022

Nun partido moi serio, no campo do líder, o Compos rozou os tres puntos, tocounos coas xemas dos dedos, pero escapáronse no desconto. 2-2 final na visita ao Adarve, nun duelo que mostrou o camiño a seguir para a SD Compostela.

Nun choque de poder a poder, ata por dúas veces se puxeron por diante os compostelanistas, pero en ambas reaccionaron os locais. Baleato, no 5, abriu a mañá cun golazo de volea, diana neutralizada por Montejo, no 24. Xa na segunda parte, Escudero, no 61, puña en vantaxe aos santiagueses tras unha acción de fantasía de Jordan. Pero no citado 92, Ramos, de cabeza, pechaba o partido co empate final.

A SD Compostela visitaba esta mañá o Barrio do Pilar de Madrid para enfrontarse ao sólido líder da categoría. Tras varias semanas sen coñecer a vitoria, os nosos sabían da dificultade do reto, pero encaraban o duelo coa confianza de poder sacar un resultado positivo no feudo do Adarve.

Con moitos cambios no once inicial, entre eles a entrada do canteirán Mario, os branquiazuis, hoxe vestidos de negro, saíron convencidos de que o triunfo era posible. Ben asentados sobre a herba artificial do Vicente del Bosque, o premio chegoulle ao Compos ao pouco de comezar.

Corría o minuto cinco cando, nunha das súas xogadas de ataque, Roberto Baleato cazaba o rexeite da zaga na frontal, controlábaa co peito e armaba unha preciosa volea que se coou pola escuadra de Dani Simón, un auténtico golazo.

O tanto deixaba claras as intencións dos compostelanistas, que non deixaban físgoa algunha aos intentos locais. Con todo, que o Adarve sexa o mellor equipo da liga como local non é casualidade, unha calidade que mostraron pasado o cuarto de hora, nunha perfecta contra na que só un espectacular Pato puido evitar o tanto madrileño. Nunha combinación rápida, Portero quedou no man a man, pero o meta uruguaio sacouna arriba cunha gran man.

Non foi este aviso, pero si no seguinte, xa que, tras un roubo na frontal da área, na saída de balón compostelanista, Montejo armaba un gran disparo ao segundo pau, imposible para a estirada de Pato, para selar o empate.

O tanto non afectou aos compostelanistas, que seguiron férreos co seu plan, controlando as hostilidades na súa área e tentando estirarse cando podían. Con esta liña, Guille Torres estrelaba o esférico no pau, rematando de cabeza unha falta colgada por Jordan, aínda que o central estaba adiantado. Deste xeito, chegábase ao intermedio co 1-1.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, a contenda seguiu polos mesmos camiños, co encontro controlado por parte da SD Compostela, tanto é así que, no 61, volvíase adiantar no luminoso.

Despois dunha acción elaborada levada por ambos costados, Rafa Mella gañábaa de cabeza no desprazamento de Casas, Jordan realizaba unha acción de fantasía regateando a dous contrarios na área e a súa picada por encima do porteiro servía de asistencia para que Escudero, chegando dende a esquerda, a empuxase ao fondo da rede, outro auténtico golazo.

Con media hora por diante, o Compos seguía ao seu, tentando fabricar algunha xogada elaborada e despexando calquera intento local. Así, chegaríase ao noventa coa vantaxe visitante, pero neses compases finais, á desesperada, o Adarve alcanzaría de novo a igualada.

Primeiro, nun córner, entre un bosque de pernas, a pelota acababa no pau, pero dous máis tarde, no 92, no rexeite doutro saque de esquina, os madrileños colgábana de segundas á área e Ramos, impóndose no salto, cruzábaa de cabeza á rede. Un xerro de auga fría para os merecementos dos nosos.

Deste xeito, o encontro no Vicente del Bosque acabaría 2-2, repartición de puntos. Os nosos seguen unha semana máis sen gañar, aínda que volveron mostrar as credenciais que lle farán chegar ao playoff. A próxima semana, novo partidazo, esta vez no fortín, contra o Navalcarnero.

FICHA TÉCNICA:

2- AD UNIÓN ADARVE: Dani Simón; Gallardo, Ramos, Salama, Mayorga (A. Miñambres, m.66); Nouman (Channanrong, m.59), Cruz (Llamas, m.87), Calleja, Tellechea; Montejo e Portero (J. Cidoncha, m.87).

2- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres, Salado; Roberto Baleato, Mario, Jordan (Josiño, m.79); Rafa Mella (Pablo Durán, m.87), Escudero e Primo.

GOLES: 0-1: Roberto Baleato, min.5; 1-1: Montejo, min.24; 1-2: Escudero, min.61; 2-2: Ramos, min.90+2.

Árbitro: Madrid Martínez (Murcia). Amoestou a Ramos e Salama, polo Adarve; e a Mario, polo Compos.

Incidencias: Polideportivo Vicente del Bosque (Madrid). Partido da xornada 28 de liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado