O Compos recupera o sorriso no fortín

Celebración de Jordan e Salado con Escudero tralo seu gol. Foto: Amadeo Rey.

  • Os branquiazuis superaron por 4-2 ao Salamanca nun partidazo coral

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

A SD Compostela volveu sorrir na Liga cun partidazo coral no que os nosos mostraron o seu poderío ofensivo no fortín. 4-2 final, recuperando a xornada aprazada e seguindo na loita polas primeiras prazas da clasificación.

Metidos dende o inicio, Fer Beltrán abriu a lata nada máis arrincar. Aínda que Iban igualou, Escudero, no 9, e Primo, no 22, deixaron o marcador ao descanso cun cómodo 3-1. Á volta do intermedio, Parapar deixou a contenda sentenciada, a pesar de que Iban asinaría o seu dobrete no 77.

Con ganas de resarcirse da derrota en Carballo, o Compos saltou con todo ao Vero Boquete, consciente da importancia que tiña conseguir os tres puntos no encontro aprazado contra o Salamanca. Dando entrada a Joel, por primeira vez na tempada no centro da zaga, e a Fer Beltrán, no medio, os nosos saíron ao verde cunha marcha máis que o rival.

Esa diferenza foi o detonante de que no minuto un, tras unha gran xogada de ataque, o Compos anotase o primeiro tanto da tarde. Gañou o duelo Escudero na esquerda, púxoa para Parapar á dereita, este foise do seu par e serviu un centro potente e medido para a entrada dun Fer Beltrán que puxo a bota para empuxala á rede.

Era a estrea soñada por todos, pero os salmantinos, tirando de casta, lograron sobreporse tres máis tarde. Balón ao espazo para Gustavo, este púxoa ao segundo pau e Iban, chegando en carreira, remachouna ás mallas.

Nun ritmo non apto para cardíacos, volveu a SD Compostela á carga e fíxoo, como sabe, demostrando unha vez máis a súa enorme pegada. Aproveitando os espazos entre liñas, no minuto 9, Jordan atopou a Escudero, este penetrou como coitelo en manteiga e soltou un zurriagazo coa zurda que fixo imposible a estirada de Javi Benítez, un auténtico golazo.

Consciente do que lle acababa de suceder, non se relaxaron os branquiazuis, seguiron insistindo e acabaron por atopar un novo premio, en forma do terceiro tanto. Joel botou unha falta dende o centro do campo para a carreira de Escudero e, a pesar de que o esférico non atopou o destino desexado, o toque para cortar do defensor deixou a pelota morta para que Primo, dende o punto de penalti, definise a portería baleira.

Co 3-1, a contenda baixou o ritmo elevado que levaba, xa que era imposible mantelo durante os noventa minutos. Con todo, o Compos, seguro coa pelota, mantiña a vantaxe a recado, sen perder a oportunidade de correr ao espazo cando podía.

Nunha desas accións de presión alta tras perda, os nosos gañaron un saque de banda á altura da área, Salado sacouna para Fer e este bloqueou á zaga para o disparo con efecto de Escudero, un golpeo exquisito que saíu rozando o poste. Por iso, chegouse ao intermedio co resultado citado.

Á volta dos vestiarios, con Matías como novidade, os nosos saíron igual de intensos e novamente mostraron a súa capacidade goleadora nada máis arrincar. Loitou Roque ata liña de fondo para salvar o balón, deulle de tacón para Parapar, este atopou o oco, acomodouna á súa zurda e engatillou un disparo axustado que pegou no poste antes de entrar, un novo golazo.

A contenda estaba a ser dominada polo Compos, xogándose ao que querían os nosos. Se tocaba pausa, había pausa; se tocaba correr, rápido saían ao espazo os branquiazuis; e se Rodri ordenaba presión alta, acumulábanse os roubos.

Foron minutos de gran calidade de xogo, nos que non chegou o quinto gol por moi pouco. Rozárono Escudero, rematando un balón cruzado de Parapar, e, sobre todo, Jordan, cun golpeo dende a frontal que sacou Javi Benítez cunha estirada tremenda.

Aínda así, aproveitando un bo balón en longo, quen anotarían serían os salmantinos, de novo por mediación de Iban. O extremo atopouse só na banda e no man a man definiu polo primeiro pau.

O 4-2 xa non se moveu, o Compos durmiu o encontro e os tres puntos quedaron no fortín. Unha vitoria moi necesaria para levantar os ánimos e para seguir na parte alta, xa cos mesmos partidos que o resto de rivais. Agora, os nosos irán a por máis o domingo, de novo no Vero Boquete, contra o Arenteiro.

FICHA TÉCNICA:

4- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Joel (Jimmy, m.71), Salado; Roberto Baleato (Matías, m.46), Fer Beltrán, Jordan (Josiño, m.78); Parapar (Pablo Durán, m.71), Escudero (Saro, m.86) e Primo.

2- SALAMANCA CF UDS: Javi Benítez; Luis Martínez (Fer Romero, m.46), Murua, Kristian (Arencibia, m.85), Álex Menéndez; Telles (Diego Benito, m.25), Juancho (Mikel Bueno, m.71), Amaro; Gustavo (Manin, m.46), Iban Ribeiro e Uche.

GOLES: 1-0: Fer Beltrán, min.1; 1-1: Iban Ribeiro, min.4; 2-1: Escudero, min.9; 3-1: Primo, min.22; 4-1: Parapar, min.49; 4-2: Iban Ribeiro, min.77.

Árbitro: García Risco (Asturias). Amoestou a Fer Beltrán, Roque, Joel e Jimmy, polo Compos; e a Amaro, Luis Martínez, Iban Ribeiro, Álex Menéndez e Manin, polo Salamanca.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido aprazado da Xornada 17 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado