O Compos perde dous puntos tras un penalti inexistente

Celebración do equipo no gol de Josiño. Foto: Amadeo Rey.

  • A polémica final deixa aos branquiazuis co mel nos beizos, cando xa se saboreaba a vitoria

Santiago de Compostela, a 18 de Abril de 2021.

Un penalti que dará moito que falar nas próximas semanas deixou ao Compos co mel nos beizos no fortín. Cando os branquiazuis xa saboreaban a vitoria diante do seu público, un penalti inexistente privou aos nosos de sumar os tres puntos. A xogada final, no 95, complica o soño da SD Compostela, que aínda así seguirá pelexando polas dúas primeiras prazas da Primeira RFEF.

Nun duelo no que o Compos controlou a contenda ao seu antollo, sendo claros dominadores do xogo, un gol de Josiño, no 39, achegou a posibilidade de reencontrarse coa vitoria nesta Fase Intermedia. Con todo, Allyson, nun máis que discutido penalti, puxo o empate na última acción do duelo.

Coa intención de regresar á senda da vitoria, sumando os tres primeiros puntos desta segunda fase e tamén os primeiros no fortín con afección na bancada, a SD Compostela presentou tres novidades no once para recibir á UP Langreo. Con tres unidades de diferenza na clasificación entre ambos, Yago Iglesias seguiu coa mesma liña da semana anterior, dando entrada de saída, como novidades, a Saro, Matías Vesprini e Pablo Antas, completando con eles un once co que se buscaba superar a un potente rival.

Buscando os espazos na zaga asturiana, os branquiazuis saíron dominadores con pelota, sen rexeitar a saír rápido á contra en canto podían. Precisamente, deste xeito chegou a primeira acción de perigo local, cun servizo de Brais Abelenda para Josiño, quen, forzado, non puido armar o disparo.

Os nosos, a través da posesión, chegaban con asiduidade a tres cuartos de campo rival, aínda que non atopaban ese último pase para concretar as oportunidades. Deste xeito, a máis clara no tramo inicial chegou pasada a media hora, tras un centro de Josiño que rematou de cabeza Miki pegado ao pau.

Con todo, como premio á proposta dos nosos, o gol acabaría chegando antes do intermedio. Tralo rexeite dun centro lateral, Josiño cazouna na frontal, orientouna para a súa perna esquerda e soltou un lategazo que entrou pegado ao poste, imposible para o porteiro. Un auténtico golazo para abrir a lata no fortín.

Co subidón do golazo local, o cal levantou aos mil espectadores que presenciaban o partido no Vero Boquete, chegouse ao tempo intermedio con vantaxe para o Compos.

Á volta do intermedio, cos mesmos vinte e dous protagonistas sobre o verde, o Compos saíu coa mesma idea, apertando xa dende o primeiro momento para buscar un novo tanto. Este estivo a piques de chegar no 46, nun novo disparo de Josiño dende a frontal. O de Beluso recibiu de Pablo Antas, tralo rexeite dun córner, e soltou un zurdazo axustado que sacou con apuros o porteiro.

E seis máis tarde, no 52, o porteiro visitante volvía aparecer de maneira crucial para evitar o segundo gol local. David Soto recibiu en vantaxe chegando dende atrás, devolveuna ao punto de penalti para Pablo Antas e este prolongouna aínda máis para Bicho, pero o de Sada, no man a man, atopouse co corpo de Adrián Torre.

Coa entrada de pernas frescas dende o banco, os asturianos tentaron dar un paso adiante, avisando nun par de aproximacións á hora de xogo. A primeira, no 61, un disparo duro de Puras, tralo rexeite dun córner, que sacou de puños Pato; e a segunda, no 65, un golpeo potente debaixo de Allyson, dende a frontal, que chapou á perfección o porteiro uruguaio do Compos.

Sen perigo nas áreas, en pouco máis de cinco minutos entre cartón e cartón, os branquiazuis quedaron con dez pola expulsión, por dobre amarela, de Roberto Baleato. Nunha acción moi protestada polos nosos, o árbitro decidiu mandar á caseta ao de Bembibre.

A pesar da inferioridade numérica, os branquiazuis aguantaron ben os tiróns do Langreo, ata que no 95, cando Pato xa recollera o esférico na área co tempo cumprido, o árbitro decidiu pitar penalti por unha suposta man na área. Ante a incredulidade de todos, os visitantes tiveron a opción de empatar, e fixérono, mercé á pena máxima transformada por Allyson.

Con iso, pechouse o partido. Tras 95 minutos de dura brega e de control branquiazul, cos tres puntos xa case certificados, dous deles escapáronse nesa polémica xogada. Complicouse, tras esa decisión, o soño do ascenso á Primeira RFEF, aínda que os nosos seguirán pelexando por esas dúas prazas privilexiadas.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Saro, David Soto, Guille Torres, Matías Vesprini; Samu (Roberto Baleato, m.59); Miki Villar (Primo, m.59), Pablo Antas (Álvaro Casas, m.87), Bicho, Josiño (Jimmy, m.75); Brais Abelenda (Juampa, m.59).

1- UP LANGREO: Adrián Torre; Miguel Santos, Gonzalo, Alain, Puras (Abel, m.85); David, Marenyá (Rabii, m.75), Álvaro M. (Álvaro Gómez, m.57), Ketu; Jorge Hernández (Adrián Llano, m.57) e Allyson.

GOLES: 1-0: Josiño, min.39; 1-1: Allyson (p.), min.95.

Árbitro: Iglesias Gutiérrez (Cantabria). Expulsou a Roberto Baleato (m.85) por dobre amarela. Ademais, amoestou a Primo, polo Compos; e a Alain e Ángel Rodríguez (banco), polo Langreo.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da Xornada 3 da Fase Intermedia da Segunda División B disputado ante 1.000 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado