O Compos estrea o 2021 contra o líder e no fortín

  • Os branquiazuis, trala suspensión da anterior xornada, debutarán contra o único rival que os superou na primeira volta, polo que buscarán o desquite

Santiago de Compostela, a 15 de Xaneiro de 2021.

Despois de non poder estrearse no 2021 a pasada fin de semana polas condicións meteorolóxicas que azoutaron á Península Ibérica, a SD Compostela ten ganas de que chegue este próximo sábado para debutar neste novo ano, buscando manter e mesmo mellorar as sensacións da primeira parte da tempada. A tarefa non será nada sinxela, debido a que vén o líder, o Unionistas de Salamanca, o único equipo que superou aos nosos na primeira volta. Por iso, e a pesar da xeira de cinco triunfos seguidos dos salmantinos, os nosos confían en tomarse o desquite no fortín, coa axuda da súa afección.

Baixas. Todos están dispoñibles. Temos a dúbida de Casas, que adestrou a semana co grupo e veremos que sensacións ten mañá, pero en principio contamos con todos.

Gañas de volver competir. As sensacións que dá o equipo adestrando esta semana, do mesmo xeito que nas anteriores, é que está moi enchufado, que ten moitas gañas de que chegue o sábado para volver competir, nesta volta de ano novo, na nosa casa e ante o líder, que a día de hoxe marcha destacado, facendo moi ben as cousas e iso para nós ten, se cabe, máis peso para querer volver competir canto antes.

O Unionistas, un gran equipo. Os números falan de que é o equipo que mellor está a facer as cousas e, sobre todo, saca moito rédito da súa fase defensiva, recibe moi poucos goles e marca pouco, pero dálle para sumar de tres, o cal é sumamente importante. Ademais, este ano apostou por quince xogadores e adestrador novo, axustáronse moi ben, e o que ao principio de tempada parecía que perdéramos contra un rival que non se tiña en conta, a día de hoxe, o partido que perdeu o Compostela foi contra o líder. Iso fala do ben que fan as cousas e do bo equipo que é.

Rival en xeira. Agardamos un Unionistas nunha dinámica moi positiva, que lle están saíndo as cousas, que o que propón e o que fai está a darlle resultado e, aínda por encima, veñen a San Lázaro sen dúbidas sobre o que fan e cun colchón de puntos que lle permite estar moi tranquilos. Por tanto, esperamos un Unionistas que veña a dar a súa mellor versión.

A súa posición na táboa. O que tiñamos claro era que Unionistas investiu bastante capital neste ano, moi importante para eles pola categoría profesional, e fixeron un esforzo económico para conseguilo. De aí, a ser os primeiros clasificados, ninguén contaba con iso, pero vendo o plantel e o propio adestrador, así como a idea de club, si que estaba chamado a estar nos postos altos.

Equipo máis feito. Leva nove partidos xogados, só perdeu un, encaixou moi poucos goles e aínda por encima leva un cinco de cinco nos últimos partidos, quince do tirón dos vinte que leva. Iso quero dicir que é un equipo que ten claro o que fai, que esa idea que comezou a plasmar en Liga contra nós foise asentado, e deulle resultados. Por tanto, é un equipo máis feito, moito máis sólido, e, sobre todo, con máis confianza, o cal fai que sexa un equipo no seu máximo rendemento neste momento.

Idea de xogo. A súa idea de xogo é distinta á nosa, pero é un corpo técnico e un equipo que se mantén fiel a unha idea e alá onde vai a manifesta.

Recordo da primeira volta. O que está claro é que foi o único equipo que nos gañou e que nolo fixo pasar mal. Alí, ata o seu primeiro gol, estivemos moi ben, de feito, os quince primeiros minutos tivemos varias chegadas e un gol anulado, que, de ter acertado, seguramente, o devir do partido e mesmo do campionato, ata o de agora, cambiaría, non sabemos se para ben ou para mal. Con todo, si é certo que na segunda parte sentimos que nos fixo sufrir e que no seu terreo de xogo é moi forte.

Propósitos de aninovo. Temos claro que o discurso non cambia e que temos que ser realistas e fieis á nosa idea. Cada día queremos ser mellor equipo, tentamos dar máis rexistros e iso pasa por analizar os partidos, as situacións que nos imos atopando, as sensacións que imos tendo, e partir de aí ver por onde mellorar. Queremos neste aninovo, nos partidos que nos quedan, sacar máis rédito dese bo facer, é o que todos agardamos, pero tamén a competición é a que é e hai que estar moi atinado e fiar moi fino para ser quen de conseguir os tres puntos. Imos poñer todo o que está na nosa man, seguir traballando, limando asperezas para os partidos que teremos para, na medida do posible, ser un equipo máis eficaz. Mirar atrás e pensar o que puido ser non vale de nada, o que si, aprender do que nos vai pasando, non queda outra.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado