O Compos e o Sigüeiro asinan un convenio de colaboración

  • O conxunto de Oroso, que milita en Preferente, actuará como filial dos santiagueses a vindeira tempada
  • Haberá unha comisión deportiva e outra socioeconómica que traballarán no proxecto e que velarán polo cumprimento do acordo

Santiago de Compostela, a 27 de Abril de 2021.

A Sociedade Deportiva Compostela e o Sigüeiro Fútbol Club asinaron este luns un convenio de colaboración para a vindeira tempada, que entre outras consideracións establece que o club do concello de Oroso, que milita na Preferente Norte, será filial dos santiagueses.

Ambos clubs amosaron a súa satisfacción por este acordo alcanzado, pois pensan que este pode ser o primeiro paso dun longo camiño, no que tanto uns coma os outros agardan obter importantes réditos deportivos.

O convenio estruturase en dúas partes ben diferenciadas, unha deportiva e outra socioeconómica.

Na parte deportiva establécese que a dirección deportiva do proxecto recaerá nunha comisión con representación de ambos clubs, formada polos directores deportivos de ambas entidades. Esta comisión comezará a traballar de inmediato para conformar o plantel e o corpo técnico deste novo proxecto. Neste, o plantel estará formado na súa maioría por xogadores da comarca de Santiago, con preferencia por aqueles con vinculación anterior a ambos clubs.

Por outro lado, unha comisión socioeconómica encabezada polos presidentes de ambas entidades, Antonio Quinteiro e Antonio Liñares, velará polo cumprimento do convenio. Como nota a salientar, o acordo apunta que haberá prezos con importantes descontos para os abonados do Compos que queiran asistir aos partidos do Sigüeiro, e viceversa, é dicir, para os abonados do Sigüeiro que queiran asistir aos partidos do Compos.

Por último, destacar que ambos clubs agardan que esta colaboración dure moitos anos, e non desbotan ampliala nas vindeiras tempadas.

José María Sainz (esquerda) e Antonio Liñares, vocal e presidente do Sigüeiro FC, xunto a Carlos Ferreiro, tesorero, Javier García, vicepresidente, Antonio Quinteiro, presidente, e Ramón Castro, responsable das Relacións Institucionais, do Compos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado