O Compos dá a cara en Soria, pero atópase con todo tipo de adversidades

Miki Villar, o máis incisivo dos nosos no ataque, intentando o regate sobre Aguirre. Foto: CD Numancia.

  • Os locais abriron oco no marcador cun penalti polémico e un tanto con fortuna
  • A SD Compostela pediu penalti nunha caída de Miki na primeira parte e atopouse con Jara e os paus nas súas mellores opcións

Santiago de Compostela, a 25 de Abril de 2021.

A SD Compostela volve sen premio de Soria tras un partido no que xogou de ti a ti contra todo un Numancia, pero no que se volveu a atopar con todo tipo de adversidades. Un penalti polémico nos primeiros minutos para os locais e outro posible non sinalado a favor dos nosos marcou un duelo no que o Compos se encontrou cos paus e Jara nas súas mellores opcións. Pola súa banda, os sorianos decantaron o marcador nun disparo que se coou tras un rebote e un golazo desde corenta metros.

Coa única novidade da entrada de Jimmy, a SD Compostela quería seguir coas boas sensacións mostradas no último partido no fortín, pero que, esta vez, servise para reencontrarse cos tres puntos. O reto era complicado, xa que visitaba Los Pajaritos para medirse ao Numancia, un transatlántico na categoría que xa demostrara o seu gran nivel na primeira volta.

Sen medo a nada nin a ninguén, os branquiazuis saíron a por todas e comezaron dominando co esférico, con todo, aos cinco minutos atopáronse de novo cunha nova decisión moi polémica. Nun rexeite dunha falta, Guille Torres despexou o balón na área, adiantándose a Cotán, pero o árbitro sinalou os once metros ao indicar que o central derrubara ao xogador numantino. Dende o punto fatídico, Menudo non dubidou e cun disparo potente e axustado adiantou aos locais no marcador.

Respondendo ben ao golpe, aos tres minutos, o Compos tívoa cunha cabalgada de Miki, pero, noutra decisión polémica, o árbitro decidiu non interpretar como penalti a caída do extremo na área. O lóstrego de Nigrán foi varrido polo porteiro, nunha saída a destempo, pero o colexiado non o interpretou como punible. E na continuación da xogada, o disparo de Bicho, dende a frontal, golpeou nun defensor e foise fóra.

Continuando coa súa presión sobre o arco dos numantinos, no once, escapouse o empate por milímetros, os que lle faltaron ao balón para cruzar a liña de gol. De novo por banda, Miki Villar cabalgou con espazos ata a liña de fondo, púxoa con potencia atrás e, no intento de despexe, Lillo enviouna en dirección á portería, pero entre Jara e Manzanara conseguírona salvar cando xa se cantaba o gol.

Dez máis tarde, o porteiro volvía aparecer para salvar aos seus. Nunha falta dende a frontal, pegouna á perfección Samu, cun disparo directo á escuadra, pero o porteiro voou para sacala a córner.

Con todo, cando mellor estaban os compostelanistas, merecendo o empate, acabou chegando o segundo tanto local, nunha acción de mala fortuna. David Castro gañouna no centro do campo, nun corpo a corpo con varios dos nosos, abriuna para Tamayo e este púxoa ao centro para Menudo, quen golpeou con potencia desde a frontal, con tanta fortuna que o balón pegou en Guille Torres e fixo imposible a estirada de Pato.

A pesar diso, o Compos seguiu ao seu e volveu estar preto do tanto en senllos disparos de Pablo Antas desde a frontal, pero un foi atrapado por Jara e o outro saíu preto do poste. Tamén a tivo antes do intermedio o Numancia, nun disparo coa zurda de Asier Benito, tras gañar un saque do porteiro, que saíu rozando o pau. Así se chegou ao tempo de asueto, con vantaxe local.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas sobre o verde, a contenda seguiu polos mesmos camiños, cun Compos que buscaba o perigo a través da posesión e un Numancia que se acazapaba e tentaba saír rápido á contra.

Deste xeito, os primeiros en inquietar foron os nosos, despois dunha gran xogada de ataque na que Josiño non foi quen de atopar a rede. Bicho conectou con Brais Abelenda, este cedeuna para a entrada do mediapunta de Bueu, pero o seu tiro, desde o interior da área, saíu centrado e atrapouna ben o porteiro.

Pola súa banda, os locais reaccionaron cunha gran xogada de Tamayo pola banda, regateando a varios dos nosos e poñendo un centro medido á cabeza de Moha, pero este, en boca de gol, mandou o seu testarazo arriba.

Nese toma e daca no que se converteu o partido, a mala fortuna volveu ter presenza en contra dos nosos, xa que nunha ocasión clarísima, a pelota golpeou nos dous postes e non acabou entrando. Bicho puxo un centro raso espectacular dende a esquerda que rematou no segundo, algo forzado, Miki Villar, pero o seu toque estrelouse cun poste, primeiro, e co outro, despois, sacándoa un defensor a córner.

Pola súa banda, Pato Guillén evitou o terceiro dos locais e do propio Menudo, cunha gran parada co pé ao mediapunta. Parou abaixo o golpeo de socato e atrapouna antes de que cruzara a liña.

E nese continuo ida e volta, o que se acabou atopando cun novo tanto foi o Numancia, un auténtico golazo de Andrés García, dende corenta metros, cun trallazo que se coou por toda a escuadra da meta de Pato.

Con esa gran diana pechouse un encontro no que o Compos volveu dar a cara, pero no que a vitoria se volveu a resistir. Os branquiazuis topáronse con todo tipo de adversidades na súa visita ao Estadio de Los Pajaritos, acabando con elas as súas posibilidades matemáticas de pelexar pola Primeira RFEF. A pesar diso, os nosos buscarán a primeira vitoria no fortín nesta segunda fase, o vindeiro domingo.

FICHA TÉCNICA:

3- CD NUMANCIA: Jara; Lillo, Borja López, David Castro, Aguirre (Corral, m.74); Cotán, Manzanara (Andrés García, m.72); Moha (Del Campo, m.72), Menudo, Tamayo; e Asier Benito (Gabarre, m.60).

0- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, David Soto, Guille Torres, Jimmy (Primo, m.73); Samu (Álvaro Casas, m.73); Miki Villar (Gabri Palmás, m.79), Bicho, Pablo Antas, Josiño; e Brais Abelenda.

GOLES: 1-0: Menudo (p.), min.6; 2-0: Menudo, min.28; 3-0: Andrés García, min.86.

Árbitro: Catalá Ferrán (Cataluña). Amoestou a Borja López, polo Numancia; e a Pablo Antas e Álvaro Casas, polo Compos.

Incidencias: Estadio Nuevo Municipal Los Pajaritos (Soria). Partido da cuarta xornada da Fase Intermedia do Grupo 1 da Segunda División B disputado ante 1300 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado