O Compos cae na casa cun penalti no desconto

Hugo Matos foi un dos máis incisivos no ataque na segunda parte. Foto: Amadeo Rey.

  • Dous paradóns de Adri Torre evitaron que a balanza caese para o lado compostelanista

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2022

A SD Compostela caeu na casa, 0-1, contra o Langreo, despois de encaixar o gol no desconto, cun penalti moi discutido. Davo transformou a pena máxima e os puntos marcháronse para Asturias, a pesar de dúas grandes oportunidades que salvou Adri Torre e que puideron decantar a balanza para o outro lado.

O Compos regresaba ao Vero Boquete cun dobre obxectivo: volver sumar de tres en casa e dominar o encontro contra o Langreo. Para iso, como novidades, Fabiano introduciu no once a Jordan, polo sancionado Fer, e a Elliot, no lugar do lesionado Mario Rodríguez. Con este once, os nosos saíron ao tapete compostelanista con ganas de agradar de novo á parroquia branquiazul.

Saíron mellor os nosos, máis incisivos no ataque e buscando á súa referencia, Darío. Froito dese traballo comezaron a chegar accións de perigo, sobre todo, a balón parado. Precisamente, desde a esquina, tras un córner en curto, chegou a primeira con Parapar, quen puxo un centro con veleno ao que non chegou Crespo por moi pouco.

Os visitantes buscaban as contras e Dani Homet probou a Pato nunha desas chegadas, aínda que a contenda estaba para o lado compostelanista. No 31, Darío non chegou ao pase de tacón de Cano por moi pouco e cinco máis tarde rematou frouxo un centro de Parapar.

Con todo, a máis clara chegou no último minuto da primeira parte, cando Cano controlou na área un saque de esquina e golpeou co exterior do pé, pero cando xa se cantaba o gol, Adri Torre lanzouse para evitar o tanto sobre a liña. Así, chegouse ao intermedio coa igualada.

Á volta dos vestiarios, a contenda seguiu polos mesmos camiños, cun Compos dominador, aínda que as ocasións tardaron en aparecer. Probouno Hugo Matos, no 78, cun centro que cortou Alain in extremis, cun córner posterior que Pablo Antas, que debutaba esta tempada, rematou de cabeza arriba por pouco.

Con falta de mordente, nun ataque illado, o Langreo atopou o premio nunha acción de Davo. O extremo foise de Damián e cando entrou na área caeu ante a entrada de Hugo Matos, sinalando o árbitro penalti, moi discutido por todos. O propio atacante foi o encargado de executalo, cun golpeo potente arriba que pegou no traveseiro e entrou.

Sen virse abaixo, buscou a resposta ao minuto Cano, nunha falta colgada ao segundo pau que rematou de cabeza de maneira espectacular, pero a pelota, que se coaba pola escuadra, sacouna cunha man salvadora, outra, Adri Torre.

Foi a última do partido, non houbo tempo para máis e a contenda pechouse co 0-1. Por iso, toca levantar a cabeza tras o primeiro tropezón na casa e buscar a vitoria, agora fóra, contra o Zamora, o vindeiro domingo.

FICHA TÉCNICA

0- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Álvaro Casas (Pablo Antas, m.70), Pablo Crespo, Damián; Samu, Jordan; Parapar, Cano, Elliot (Hugo Matos, m.42); e Darío (Santi de Prado, m.85).

1- UP LANGREO: A. Torre; Juampe, Alain, Gonzalo, Fran Pacoli; Samba; David (Jandro, m.53), Joselu G., David Sánchez (Jorge Hernández, m.84), M. Arzalluz (Davo, m.76); e Dani Homet (Óscar Fernández, m.76).

GOLES: 0-1: Davo (p.), min.91.

ÁRBITRO: Cueto Amigo (Castela e León). Amoestou a Jordan, Damián e Samu, no Compos; e a Samba, Joselu, Jandro, Fran Pacoli e Jorge Hernández, polo Langreo.

INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 4 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 970 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado