O Compos cae en Segovia tras perder a vantaxe inicial

Paradón de Carmona ao testarazo de Pablo Durán. Foto: Segoviana.

  • Pablo Durán marcou no 2, pero un dobrete de Llorente deixou os puntos para os locais

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2022

A SD Compostela volveu caer de visitante, nun partido no que se puxo por diante moi rápido, pero no que dúas accións puntuais de ataque locais, na primeira media hora, déronlle a volta ao marcador. Ao final, derrota 2-1 contra a Gimnástica Segoviana.

Inmerso nunha dinámica negativa de resultados, o Compos chegaba a Segovia con moita fame, con ganas de quitarse de encima as malas sensacións das últimas semanas. Con varios cambios no once inicial, os branquiazuis querían imprimir un ritmo elevado dende o principio para comezar co vento de cara.

O ansiado obxectivo compostelanista cumpriuse aos dous minutos, no que os nosos puxeron fin á súa xeira sen marcar, aproveitando unha transición. Escudero gañou o balón ás costas da zaga, puxo o pase da morte e, aínda que non chegou Primo, si o fixo Pablo Durán no segundo pau, definindo ao fondo das mallas.

O dianteiro de Tomiño comezou entoado, xa que, no cinco, tras unha falta conseguida por el mesmo, rematou de cabeza dirección á portería, pero nesta ocasión Carmona sacouna de maneira excepcional.

Con todo, co equipo ben asentado, chegou o empate a balón parado, nun córner botado ao segundo pau, no que o despexe da defensa quedou no punto de penalti e, dende alí, Llorente empalouna de volea para selar a igualada.

Tocaba remar de novo en busca da vantaxe, pero o que chegou, a pesar dos intentos branquiazuis, foi o segundo tanto local. Nunha xogada similar á do gol compostelanista, os segovianos gañaron a carreira pola esquerda, rematou de primeiras Borrego, parou Pato, pero o rexeite caeu a Llorente, que definiu a porta baleira.

Tentou reporse o Compos do golpe, volveu inquietar en área rival con varios centros con perigo, pero ao descanso chegouse coa vantaxe local, 2-1.

Á volta dos vestiarios, os branquiazuis saíron coa intención de buscar o empate. Buscando os balóns polas bandas, tentando conseguir transicións perigosas, os nosos encomendáronse á velocidade dos atacantes. Estes, aproveitando os espazos, conseguiron conectar algunhas accións de perigo, pero os seus centros, ante un Carmona moi atento, acabaron nas mans do porteiro ou rebotados contra algún defensor.

Rodri tentouno movendo tamén o banco, dando entrada a pernas de refresco, pero a contenda encamiñouse aos compases finais con idéntico resultado. Aí, na recta definitiva, co Compos á desesperada, tívoa Pablo Antas, na acción máis perigosa do segundo acto, pero o seu disparo, dende a frontal, sacouno de puños Carmona cunha gran estirada.

Por iso, o marcador xa non se moveu e o triunfo quedou na casa. O Compos non puido sumar en Segovia e vólvese de baleiro para Santiago. A semana próxima, nova oportunidade contra o Coruxo, no Vero Boquete.

FICHA TÉCNICA:

2- GIMNÁSTICA SEOGIVANA: Carmona; Borao, Javi Marcos, Mansour, Rubén; Llorente (Rahim, m.73), Manu, Conde (De la Mata, m.67), Arribas (Adeva, m.67); Nanclares (Cidoncha, m.62) e Borrego.

1- SD COMPOSTELA: Pato; Saro (Fer Beltrán, m.53), Álvaro Casas, Baleato, Jimmy (Salado, m.87); Pablo Antas, Samu (Jordan, m.53), Escudero (Josiño, m.73); Rafa Mella, Pablo Durán e Primo.

GOLES: 0-1: Pablo Durán, min.2; 1-1: Llorente, min.10; 2-1: Llorente, min.25.

Árbitro: Gargantilla Fernández (Estremadura). Amoestou a Javi Marcos e Rubén, pola Segoviana; e a Baleato, Jordan, Pato e Pablo Antas, polo Compos.

Incidencias: Campo Municipal de La Albuera (Segovia). Partido da vixésimo sexta xornada de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado