O Compos cae en Madrid a balón parado

Once da SD Compostela en El Soto.

  • Dúas xogadas de estratexia permitiron a remontada dos locais

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2022

A SD Compostela volveu caer en terras madrileñas, outra vez por 2-1. Os branquiazuis, tras pórse por diante na primeira metade, viron como o Móstoles remontáballes no segundo acto tras dúas xogadas a balón parado, a última delas no 85. A pesar da insistencia, o triunfo quedou na casa.

Co reto de conseguir a primeira vitoria do 2022, recuperando sensacións como visitante, a SD Compostela presentouse no Soto cun equipo físico e ofensivo, no que Rodri deu entrada, como novidades, a Matías, Fer Beltrán e Escudero. Prevendo un partido duro, os nosos saíron coa premisa clara de apertar arriba dende o inicio, pelexando cada balón solto para controlar as segundas xogadas.

Dominando esa faceta, aínda que non chegaban as ocasións para os nosos, tampouco sufrían en defensa. Foi un arranque con moito respecto por ambos bandos, malia que os branquiazuis non dubidaban en tentar saír rápido á contra se tiñan a posibilidade.

Por iso, necesitáronse 25 minutos de xogo para ver a primeira ocasión, pero tremenda oportunidade, porque nela chegou o gol da SD Compostela. Parapar gañouse o balón na dereita, puxo un precioso centro ao segundo pau para o remate de Pablo Durán e, aínda que Tejero realizou un paradón, o seu rexeite caeu nas botas do de Tomiño, levantou a cabeza e serviu a asistencia ao punto de penalti para un Escudero que, tras controlar, fusilou a pelota ao fondo das mallas cun potente disparo axustado.

O tanto sentoulle ben aos compostelanistas, que aproveitando a boa onda, fóronse a por máis. Rozouno Primo, no 27, rematando forzado un novo centro de Parapar, pero Tejero sacouna a córner. Tamén o probou Matías, no 30, cunha falta dende a banda na que case sorprende a todos, xa que o seu golpeo marchouse moi preto da escuadra. E a última, tamén a balón parado, esta vez na lateral da área, Parapar lanzou moi pechado, pero o porteiro, atento, sacouna de puños no primeiro pau.

Con todo, os últimos en avisar na primeira parte foron os visitantes, nunha acción illada na que Carrasco, tras un excepcional control, cruzouse cara ao centro e o seu disparo estrelouse no traveseiro. E no rexeite, Ledesma, desde a frontal, tentouno tamén, nunha opción que tocou nun defensor branquiazul e foise rozando o pau. Deste xeito, chegouse ao intermedio co 0-1.

Á volta dos vestiarios, xa con Rafa Mella sobre o verde, substituíndo a un Parapar que se lesionou no desconto do primeiro acto, o Compos saltou coa mesma premisa, ser disciplinados e non conceder o máis mínimo a un Móstoles que se foi ao ataque.

A pesar de ter a situación controlada, nunha acción de estratexia, no 61, chegou o empate. Portilla botou a falta dende o pico da área, pechada, para a entrada dun Mantovani que a empalou de primeiras ao fondo da rede.

O tanto supuxo un xerro de auga fría para os nosos, que se vían coa contenda igualada sen apenas recibir ocasións. Tocaba reporse, xa que os locais animáronse en busca de máis. Con todo, do mesmo xeito que no arranque do primeiro acto, as ocasións non aparecían.

Sen achegamentos, entrouse na recta final co empate, pero o Móstoles atoparíase cun premio maior, de novo, tras unha xogada a balón parado. No 85, os madrileños, tras botar unha falta dende a lateral da área, gañaron o rexeite, Álvaro Sánchez combinou con Portilla e este bateu coa punteira a Pato. Na acción, toda a zaga compostelanista reclamou a posición adiantada do extremo, pero o liña non levantou a bandeira.

Con escasa marxe de manobra, a SD Compostela buscou un tanto á desesperada e rozouno, no 87, pero a sorte foi esquiva para os santiagueses. Roque sacou de banda longo, Baleato controlou de costas e o seu disparo cara atrás, en globo, estrelouse no traveseiro. Unha mágoa.

A contenda terminou, por tanto, con vitoria por 2-1 para o Móstoles. Segunda derrota da tempada para o Compos, que a semana próxima tentará reporse no fortín contra o Leganés B.

FICHA TÉCNICA:

2- CD MÓSTOLES: Tejero; Calarge, Mantovani, Alexander, Álex Alonso (Paco Torres, m.45); Portilla, Ledesma (Recalde, m.86), Sanjurjo, Carrasco (Vassilakis, m.92); Chupe (Ramos, m.70) e Álvaro Sánchez (Romera, m.86).

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Matías, Jimmy; Baleato, Fer Beltrán (Samu, m.71), Escudero (Salado, m.82); Parapar (Rafa Mella, m.45), Pablo Durán e Primo.

GOLES: 0-1: Escudero, min.25; 1-1: Mantovani, min.61; 2-1: Portilla, min.85.

Árbitro: Monterrubio Torres (Aragón). Amoestou a Ledesma, polo Móstoles; e a Matías, polo Compos.

Incidencias: Estadio Municipal El Soto (Madrid). Partido da xornada 20 de liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado