O Compos cae 2-1 en Langreo

Celebración do equipo tralo gol de Primo. Foto: Amadeo Rey.

  • Dous erros condenan aos branquiazuis no Novo Ganzábal

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022

A SD Compostela non puido sumar na súa visita a Langreo ao caer presa dos seus erros. Dous fallos en liña defensiva deron ás ao conxunto local, ante un Compos que estivo preto de sumar grazas ao golazo de Primo. Ao final, 2-1 no Novo Ganzábal.

Coa intención de sumar a primeira vitoria da segunda volta como visitantes, a SD Compostela chegaba a Langreo coa moral alta tras romper a dinámica negativa de resultados en casa. Para a contenda no Novo Ganzábal, Rodri deu entrada a Pablo Antas no centro do campo, quen regresaba tras sanción.

Na herba artificial do campo asturiano, os nosos querían dominar os tempos do partido, aproveitando as urxencias dos locais, aínda que o bote da pelota non axudaba neste sentido.

Así, mentres tentaba coller o tacto ao esférico, os minutos foron pasando na primeira metade sen apenas achegamentos polas áreas. Nesa escasa produción ofensiva, por parte branquiazul, apenas se puido destacar un disparo de Parapar, nunha contra, que golpeou nun defensor e marchouse lonxe.

Con todo, nese stand by, sacou premio o Langreo. Primeiro, no 27, Álvaro Casas apareceu providencial para cortar un pase ao oco cara a Pana. Pero no 30, nunha perda na saída de balón, Lavsamba roubou, conectou co dianteiro e este con Jandrín, quen desde a frontal soltou un tremendo lategazo que se coou pola escuadra, imparable.

Con vantaxe, os asturianos deron un paso atrás sen apertar tanto a saída de balón compostelanista, aínda que ata o descanso apenas houbo movementos e chegouse co 1-0.

Á volta dos vestiarios, coa entrada de Primo e Josiño, buscando máis xogo ofensivo, o Compos saltou xa máis incisivo, sabendo que tiña que ir con todo a polo gol. Apertando arriba, os nosos saíron xogando sobre área rival, aínda que iso foi aproveitado nada máis arrincar polos locais cunha contra na que Pana, en xogada individual, orientouna á destra e soltou un tiro con rosca que se estrelou no poste.

Con todo, as boas sensacións fixéronse notar e as ocasións comezaron a chegar. Así, a máis clara ata o momento tívoa o Compos nun centro potente de Parapar coa dereita ao que non chegou Fer Beltrán no segundo pau por escasos milímetros.

Tamén o tentaban no contragolpe os locais, pero cunha defensa moi segura, o gol estaba preto e acabou chegando, no 67. Salado, dende a esquerda, puxo un centro con música que conectou de cabeza Primo, adiantándose aos defensores e cruzándoa ao fondo da rede.

Con todo, na tónica da segunda volta, a alegría durou pouco, xa que no 75, Pato topaba coa perna de Dorian no seu intento de despexe e a pelota acabábase coando na rede, 1-2.

Aínda así, o porteiro uruguaio repúxose rapidamente do seu erro salvando o terceiro en dúas ocasións finais, de Angelito e Dorian, na que mostrou os seus grandes reflexos. Pola súa banda, o Compos tivo o empate nunha acción de fantasía de Josiño, regateando a tres rivais en liña de fondo, pero non puido atopar rematador no seu intento de pase atrás.

Por tanto, sen máis cambios no luminoso, o Langreo levou os tres puntos. Pola súa banda, o Compos non puido sumar lonxe de Santiago. A próxima semana, despedida no Vero Boquete contra o Ceares.

FICHA TÉCNICA:

2- UP LANGREO: Adrián Torre; Cristian, Gonzalo, Alain, Álvaro; Lavsamba, Juan López (Dorian, m.72); Jandrín (Peli, m.72), Jorge Hernández (Junior, m.64), David Iglesias (Angelito, m.64); e Pana (Javi Lato, m.94).

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres (Primo, m.46), Salado; Roberto Baleato, Fer Beltrán (Samu, m.86), Pablo Antas; Parapar (Saro, m.86), Rafa Mella (Josiño, m.46) e Pablo Durán.

GOLES: 1-0: Jandrín, min.30; 1-1: Primo, min.67; 2-1: Dorian, min.75.

Árbitro: Ojeda Beaumount (A Rioxa). Amoestou a Juan López, Adrián Torre, Dorian e Pana, polo Langreo; e a Guille Torres, Roque e Roberto Baleato, polo Compos.

Incidencias: Estadio Novo Ganzábal (Langreo). Partido da Xornada 32 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado