O Celta B leva o cuarto Memorial Antonio Bermúdez

Memorial 1

  • O filial celeste superou ao Compos, na estrea ante o seu público, por 0-4

Santiago de Compostela, a 24 de Xullo de 2019.

O Vero Boquete de San Lázaro viviu a posta de longo da nova SD Compostela con motivo da cuarta edición do Memorial Antonio Bermúdez, na homenaxe á persoa tan querida por todo o deporte santiagués. Nesta ocasión, o RC Celta B levou o título, tras superar ao Compos, na estrea ante o seu público, por 0-4.

Na primeira metade, Manolito Apeh rompeu a igualdade no luminoso cunha carreira ás costas da defensa, na que gañou o coiro en velocidade e superou entre as pernas a Pato. Puido empatar o Compos cun disparo de Rodri, que golpeou nun defensa, pero tamén tivo o segundo o Celta cun tiro de Vega, que se marchou escorado.

Na segunda metade, con onces renovados sobre o campo, o filial celeste ampliou rapidamente a diferenza. Primeiro, nun balón solto na frontal, Riki pegoulle a porta, o balón rebotou nun defensa e cambiou por completo a dirección, facendo imposible a reacción de Anxo. E despois, David Álvarez marcou o terceiro, despois dunha contra na que recibiu na frontal da área de Salomon.

Co paso dos minutos, o partido baixou de ritmo, pero aínda caeu o cuarto. Salomon marcou coa planta, tras un centro de Miguel Rodríguez.

Por tanto, o Celta B levou esta cuarta entrega do trofeo, unha cita que se mantén moi presente no calendario estival do club. Pese ao resultado adverso, a afección puido gozar das novas fichaxes e a estrea dos nosos, nun encontro para o recordo. Toca seguir traballando e poñerse a punto para o primeiro partido do campionato.

FICHA TÉCNICA:

0-SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Jimmy; Samu, Pablo Antas; Miki, Hugo Sanmartín, Brais Abelenda; e Rodri Alonso. Tamén xogaron: Manu Rial, Anxo Pérez, Pedro Leis, Andrés, Soto, Baleato, Gabri Palmás, Alberto Freire, Mon, Josiño e Yoseban.

4-RC Celta B: Fran; Currás, Barcia, Carlos, Pampín; Tiago, Miguel Fernández; Vega, Raúl Blanco, Jacobo; e Apeh. Tamén xogaron: Riki, Raúl García, Álvaro, Gael, Farrando, Gabri, Martín, Salomon, Miguel Rodríguez, David Álvarez e Manny.

Árbitro:  Calvelo Iglesias, comité santiagués. Amoestou a Rodri, polos locais.

Goles: 0-1:  Apeh, min.19; 0-2: Riki, min.48; 0-3: David Álvarez, min.59; 0-4: Salomon, min.75.

Incidencias: Partido do IV Memorial Antonio Bermúdez disputado no Estadio Vero Boquete de San Lázaro #ante 400 espectadores. Antes do memorial, gardouse un minuto de silencio e os netos do homenaxeado lanzaron uns globos ao aire e realizaron o saque de honra.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado