O CD Lugo leva o V Memorial Antonio Bermúdez

Escudero nunha das súas incursións durante a segunda metade.

  • Os lucenses superaron por 0-3 a un Compos que fixo un gran partido

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021

O Club Deportivo Lugo levou o V Memorial Antonio Bermúdez despois de superar á SD Compostela por 0-3 no Vero Boquete. Na primeira proba de pretempada dos branquiazuis, os nosos competiron de ti a ti contra un equipo máis rodado e de superior categoría, dando unha gran imaxe ante o seu público.

Nesta especial cita estival, Rodri Veiga, que se estreaba como primeiro adestrador do Compos, repartiu minutos entre todo o plantel, tras sete días de adestramentos, debutando tanto todas as fichaxes como os canteiráns que están a traballar en dinámica de primeiro equipo.

No duelo, Manu Barreiro abriu a lata aos trinta segundos, aproveitando un roubo en saída de balón, mentres que Campabadal, cun disparo cruzado, e Juanpe, cun gran testarazo, pecharon o marcador na segunda metade.

Entre medias, dúas grandes accións de Parapar pola dereita, na primeira parte, nas que apareceu ao espazo e probou o seu bo disparo coa zurda, e outro golpeo de Pablo Durán dende a frontal, na segunda, que sacou abaixo Julen, puideron significar o primeiro gol dos nosos.

Con todo, o tanto non chegou para o Compos e o CD Lugo acabouse levando a quinta edición do trofeo.

FICHA TÉCNICA:

0- SD Compostela: Pato Guillén; Roque, Baleato, Álvaro Casas, Jimmy; Samu, Josiño, Jordan; Parapar, Salado e Primo. Tamén xogaron: Borja Rey, Saro, Queiruga, Guille Torres, Rafa Mella, Izan, Pablo Durán, Fer Beltrán, Escudero, Pablo Antas, Mario, Santiso, Yosi e Diego.

3- CD Lugo: Varo, Xavi Torres, Diego Alende, Barreiro, Hugo Rama, Borja D., Chris Ramos, L. Castro, M.  Vesprini, C. Torrado e Antonetti. Tamén xogaron: Julen, Ros, Carlos Pita, Juanpe, D. Mayoral, F. Seoane, Carrillo, Lebedenko, Alberto e Campabadal.

Árbitro: Gómez Lameiro (Pontevedra).

Goles: 0-1: Manu Barreiro, min.1; 0-2: Campabadal, min.67; 0-3: Juanpe, min.73.

Incidencias: V Memorial Antonio Bermúdez disputado no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro ante 600 espectadores, aproximadamente. Antes do inicio gardouse un minuto de silencio en memoria do homenaxeado.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado