O Cadete B e o Infantil A regresan á senda da vitoria

  • O Xuvenil B volveu a sumar de tres e segue no liderado

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021

Nunha fin de semana cargada de experiencias para os cativos da SD Compostela, destacaron, en fútbol 11, os triunfos do Cadete B e Infantil A, que regresaron á senda triunfal, e do Xuvenil B, que segue no máis alto da clasificación.

Xuvenís.

O Xuvenil B segue acadando vitorias no seu subgrupo e xa suma 19 puntos. Os canteiráns branquiazuis superaron por 1-2 ao Villestro e manteñen tres unidades de vantaxe sobre o seu perseguidor, o Amio, contra o que se enfrontarán a vindeira semana.

No encontro desta fin de semana, os nosos volveron a ter que remontar, como na primeira volta, contra un rival que lles puxo as cousas moi complicadas. O cadro santiagués adiantouse no marcador pasada a media hora, un tanto ao que reaccionou ben o Compos, xa que aos dous minutos igualaban por mediación de Hugo Matos, dende o punto de penalti. Xa no segundo acto, de novo dende os once metros, Álex Suárez pechaba a vitoria compostelanista.

Pola súa banda, o Escola de Fútbol San Lázaro perdeu pola mínima, 0-1, contra o Bertamiráns B, nun duelo no que decidiu o tanto aos 28 minutos dos visitantes.

Cadetes.

O Cadete A perdeu pola mínima, 3-2, na súa visita ao AJ Lérez. Os nosos non foron quen de repetir o éxito en terras pontevedresas, nun duelo no que se adiantaron no marcador co tanto de penalti de Hugo Alvarellos. Trala remontada local, Adan González asinou o segundo gol branquiazul.

O Cadete B volveu á senda da vitoria e colocouse de novo no máis alto da clasificación, malia que cun partido máis que o seu inmediato perseguidor, o ED Xuventude Oroso B, ao cal se medirá a vindeira fin de semana. Desta vez, nun gran partido coral, os compostelanistas superaron por 0-2 ao Villestro, nun encontro decidido polos tantos de Lucas Dagnac, na primeira metade, e de Edgar González, na segunda.

Mentres tanto, o Cadete C caeu por 3-1 contra o Vista Alegre, na tarde do domingo, pero segue na terceira praza do subgrupo. Brais López asinou o único tanto compostelanista.

Infantís.

Na terceira xornada de liga, o Infantil A regresou á senda triunfal, superando por 1-2 ao Bertamiráns B, nun auténtico partidazo. Un dobrete de Daniel Ouro, no 36 e 39, permitiulle ao Compos sumar unha vitoria de moito nivel e subir ao segundo chanzo clasificatorio.

O Infantil B estivo a rentes de conseguir un resultado positivo, tamén contra un Bertamiráns, no seu caso, o C. Contra o líder do seu subgrupo, os nosos caeron por 1-2, sendo Alejandro Prado o autor do tanto branquiazul.

Fútbol-8.

En alevíns, o Alevín Pato Guillén caeu ante o ED Xuventude Oroso B, líder do seu grupo, e o Alevín David Soto contra o Bertamiráns D. Pola súa banda, o Alevín Brais Abelenda, descansou.

En benxamíns, o Benxamín Sergio Pereira superou ao SD Villestro B e segue no liderado do seu subgrupo, mentres que o Benxamín Jimmy e Saro gañou contra o Victoria C e marcha de segundo.

E en prebenxamíns, nunha gran experiencia contra o ED Xuventude Oroso, o Prebenxamín Bicho caeu contra o A, mentres que o Prebenxamín Baleato gañou ante o B.

Fútbol Sala.

Por último, o Biberón Álvaro Casas empatou contra o Victoria FC Los Rayos, nun partido disputado no Pavillón Lamas de Abade.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado