Numerosas vitorias das categorías inferiores da SD, nunha fin de semana propicia

Santiago de Compostela, a 8 de Novembro de 2016.

Nesta fin de semana, aínda que o primeiro equipo da SD Compostela non puido pasar do empate na Lomba, aínda que por merecementos se debeu levar os tres puntos, as categorías da base si lograron un resultado final acorde aos seus méritos.

Así, o xuvenil de Liga Nacional, a pesar de que non logrou a vitoria, sacou un valiosísimo empate ante o Porriño Industrial, segundo clasificado da competición.

Despois de derrotar ao líder hai quince días, os de Vecho repetiron unha xesta similar ante o cadro porriñés. Estes puxéronse por diante no minuto 62, co tanto de David Areal, pero os santiagueses, á heroica, lograron o empate no último minuto. Jorge Rama sería o encargado de materializar a oportunidade que se presentou no minuto 89, e que certificaría o empate final.

Con este empate, a pesar de que o equipo non sae do décimo sexto lugar, sitúanse a tan só un punto do décimo quinto e a catro do rival deste domingo, un Lugo B que está undécimo na clasificación.

Pola súa banda, o xuvenil B, que a semana pasada rompera a serie positiva de catro xornadas sen perder, recuperou a boa dinámica logo da vitoria lograda no Municipal do Viso, ante o Casino SD Arzúa por 0-2.

Javier Camiño e Gillén Rivas anotaron os goles dos santiagueses, que ascenden ao undécimo lugar da táboa, unha clasificación que lidera o Sporting Estrada, rival precisamente esta fin de semana do cadro branquiazul.

Ao revés do xuvenil b, o Cadete, que a semana anterior lograra unha vitoria que rompía a súa xeira negativa, volveu perder ante un correúdo EDX Oroso.

Os visitantes puxéronse moi rápido cun 0-3, pero reaccionaron os santiagueses con dous goles de Raúl García e Marcos Andrade en catro minutos. Con todo, non chegou o empate e o Oroso sentenciou, deixando o resultado final de 2-5. Para volver gañar, esta fin de semana enfrontaranse á SD Cruces.

Quen tamén triunfou logo do tropezón do sábado pasado foi o Infantil A, que se mantén segundo clasificado por detrás do Amio.

No derbi contra o Santiago de Compostela, os branquiazuis levaron o triunfo por catro goles a dous, e iso que os visitantes puxéronse cun 0-2 a favor no primeiros vinte minutos de choque. Con todo, o Compos reaccionou grazas ao dobrete de Adrián Álvarez na primeira metade, e aos goles de Gerardo Lago e Mauro Iglesias na segunda.

De novo a un punto do líder, que perdeu esta fin de semana pasada en Negreira, o Compos tentará facerse coa cabeza contra o Boiro, quinto clasificado, este sábado en Vistalegre ás 12:00.

Do mesmo xeito que o A, o Infantil B tamén sumou un importante triunfo en Villestro que o aúpa ao sexto lugar. Tamén remontando o 1-0 inicial, a SD gañou por 1-4, con tantos de Carlos Permuy, dobrete de Mauro Iglesias e o tanto final de Iván Vilaseco.

Coa intención de manter esta boa dinámica, enfrontaranse ao A Baña, o domingo ás 10:30 nas Cancelas.

Do mesmo xeito que en infantís, os alevíns tamén sumaron dous triunfos que lles permiten situarse na parte cabeceira da táboa.

O A, en xornada adiantada ao mércores, superou ao Atlético Fátima por 7-1, con hat trick de Yago Lois, dobrete de David Porto e os goles de Mateo Barros e Rubén Sande.

O B, ante o mesmo rival, gañou por 2-1, con tantos de Lucas Novo e Damián González.

Cuarto e sétimo, respectivamente, xogarán un en casa contra o Santiago de Compostela, e o outro fóra contra o CD Conxo.

Por último, o Benxamín gañou por 1-3 ante o AD Manuel Peleteiro e sobe ao décimo lugar. Os goles foron obra de Andrés Castro, Abril Pazos e Mauro Crespo. Xogarán a próxima xornada ante a SD Villestro.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado