Novo punto nunha dura saída

Aythami proba o disparo no segundo acto. Foto: Amadeo Rey.

Aythami proba o disparo no segundo acto. Foto: Amadeo Rey.

  • Piscu, no 86, marcou o tanto do empate para seguir imbatidos lonxe de San Lázaro

Santiago de Compostela, a 11 de novembro de 2018.

O Compos sumou un novo punto máis á súa marcadora, despois de igualar a un tanto na súa dura saída ao Campo de Barraña. Os branquiazuis tentárono por múltiples vías, pero chocaron contra un gran CD Boiro que defendeu con uñas e dentes o seu territorio. O empate permite aos nosos aumentar a cinco as semanas sen perder e seguir imbatidos lonxe de San Lázaro.

O Boiro adiantouse no marcador no 51, mercé a un golpe de mala fortuna para os santiagueses, xa que Álvaro Casas marcou en propia ao buscar despexar o balón. Con todo, igualaron os visitantes, no 86, cun remate de cabeza de Piscu  que pegou nun defensa e se coou na meta de Rodri .

A SD Compostela chegaba a Barraña coa idea de ampliar a súa boa dinámica positiva de resultados. Sabía que a tarefa sería complicada, pero tiña confianza en lograr un marcador similar ao do curso pasado. Con todo, desde os primeiros minutos, comprobou que a meta sería moi difícil, ante un Boiro, que a pesar do seu último mes, demostraba un gran poderío defensivo. Así, a gran colocación de ambos conxuntos evitaba que os ataques se impuxesen, chegando ao descanso sen apenas achegamentos polas áreas rivais.

A diferenza da primeira, ambos equipos volveron dos vestiarios cunha marcha máis e isto provocou que o marcador sufrise novidades aos seis minutos. O Boiro aproveitou unha contra rápida para adiantarse en Barraña . A sorte xogou a favor dos locais, xa que Álvaro Casas, no intento de despexar o balón baixo a liña, coouna na súa propia portería.

O Compos, en desvantaxe, buscou a igualada inmediatamente e rozouna no 57, cando Marcos Remeseiro rematou de cabeza na área, pero o balón marchouse a escasos centímetros do pau da meta de Rodri .

Entraron pernas frescas en ataque para buscar a igualada e, con aires renovados sobre o campo, acabou chegando o tanto tan esperado pola numerosa parroquia branquiazul desprazada a Boiro. O Compos colgou o esférico á área e aí apareceu Piscu para, cun pouco de fortuna, atopar o fondo da rede. O central rematou ben de cabeza, o balón pegou nun defensa, e coouse na portería de Rodri .

Restaban aínda minutos para o final pero, a pesar da insistencia visitante, o marcador xa non se moveu máis  e o partido pechouse con repartición de unidades.

A SD Compostela, deste xeito, sumou un punto máis á súa marcadora para seguir en zona de playoff, tras unha das saídas máis duras do campionato. Con 24, os nosos están a catro do liderado, aumentan a cinco as semanas que levan sen perder e seguen imbatidos lonxe de San Lázaro. Así, o vindeiro domingo, na estrea do Vero Boquete de San Lázaro, tocará facer bo este empate cun triunfo ante o CD Choco.

FICHA TÉCNICA:

1- CD Boiro: Rodri; Ander, Cardeñosa, Borja, Pablo Vidal; Manu, Lezcano (Elier, m.64); Silva, La Magia (Pozas, m.75), Ángel (Xacobe, m.82); e Changui.

1- SD Compostela: Anxo Pérez; Saro, Álvaro Casas, Piscu, Sergio Pereira; Mon (Samu, m.56), Marcos Remeseiro (Santi, m.70); Álex Ares, Josiño (Miky, m.56), Brais Abelenda; e Aythami.

Goles: 1-0: Álvaro Casas p.p., min.51; 1-1: Piscu, min.86.

Árbitro: Espasandín Cores, colexio coruñés. Amoestou a La Magia, Manu y Changui, polos locais; e a Mon, polos visitantes.

Incidencias: Partido da duodécima xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Campo de Barraña ante 600 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado