Novo chamamento á afección: unha invitación por abonado para a final contra o Navalcarnero

  • Habilítase a Tenda Oficial, o Centro Comercial As Cancelas e, como novidade, o Mercado Boanerges
  • Novamente, as entradas para o partido están dispoñibles no despacho de billetes en liña

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

Unha vez atopado o camiño do bo xogo, agora toca referendalo con vitorias, esas que tantos anhelamos todos. Por iso, na final que xogará a SD Compostela no Vero Boquete este domingo, 17.00 horas, contra o Navalcarnero, o club fai un novo chamamento á afección. Buscando un gran ambiente que leve polo aire aos nosos, habilítase a retirada dunha invitación gratuíta para cada abonado.

Dispoñibles dende este martes e ata o domingo, habilítanse nesta ocasión tres puntos de retirada: a Tenda Oficial, o punto de información do Centro Comercial As Cancelas e, como novidade, o Mercado Boanerges.

A falta de seis xornadas para o final, os nosos seguen no quinto posto, último que dá dereito ao playoff de ascenso, polo que o apoio de todos faise máis necesario que nunca. A cita deste domingo mediranos ao terceiro clasificado, polo que o fortín acollerá un auténtico partidazo, decisivo para as aspiracións do Compos, no que só pensamos en conseguir o triunfo.

Deste xeito, no Punto de Información do Centro Comercial As Cancelas (planta baixa) estarán dispoñibles as invitacións ata as 20.45 horas do próximo sábado 9 de abril. O horario de recollida será de 10.30 ata as 20.45 horas durante todos os días.

Pola súa banda, no Mercado Boanerges, que se suma a esta iniciativa, en virtude do patrocinio do establecemento, o seu horario de recollida é de 12.00 a 15.30 e de 18.30 a 22.00 horas. Por tanto, estarán habilitadas ata o domingo, a unha hora e media antes do inicio do encontro.

Por último, na Tenda Oficial da Rúa da Raíña, pódense recoller en horario de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas, así como o domingo de 11.00 a 15.00 horas.

Do mesmo xeito que en anteriores ocasións, cada abonado poderá retirar unha invitación e esta será para a súa mesma zona (Tribuna ou Preferencia) e para a súa mesma franxa de idade. Deste xeito, un abonado adulto poderá retirar invitación de adulto e un menor de idade, invitación infantil.

Así mesmo, unha vez máis, habilítase o despacho de billetes en liña para comprar as entradas de adulto para o encontro contra o Navalcarnero. A ela pódese acceder dende a páxina de inicio da web oficial (www.sdcompostela.com), picando en “Taquilla Online”. O prezo é de 20 euros para Tribuna e 15 para Preferencia.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado