Na procura da terceira vitoria consecutiva

  • A SD Compostela buscará romper o seu maleficio en terras charras superando ao CD Guijuelo

Santiago de Compostela, a 5 de Febreiro de 2021.

A SD Compostela buscará mañá, no Estadio Luis Ramos, un dobre obxectivo. Por unha banda, tentará lograr a súa terceira vitoria consecutiva, a cal lle permita seguir coa súa progresión na clasificación, e, polo outro, romper o seu maleficio desta tempada en terras salmantinas, o que lle daría un empuxón anímico importante. Con esta misión, viaxan a Guijuelo coas orellas de punta para regresar cos tres puntos.

Baixas. Tivemos un pequeno susto con Hugo, unhas molestias no cuadríceps. Ao non poder contar con Hugo, tiramos do xuvenil e alá imos, co que temos para poder disputar o partido.

Alternativas no once. O que queremos é ter a todo o grupo dispoñible para o traballo semanal e para afrontar os partidos cos distintos plans que consideramos máis adecuados. No momento no que hai xogadores con molestias ou sancionados, hai que tirar do que temos e, posiblemente, sexa o momento de que algún outro salte á palestra. Isto é de todos e os xogadores saben que en calquera momento van ter a opción de xogar. Seguro que, con esta situación, a xente que menos minutos tivo ata o de agora quererá aproveitar a oportunidade e dar o seu máximo nivel, polo que o equipo estará igual ou mellor.

Cambios respecto á primeira volta. Cambiaron a efectos de clasificación. Na primeira volta, o Guijuelo viña por encima nosa e nós de non marcar gol, pero despois dese partido cambiáronse un pouco as tornas. Veñen de dúas semanas de inactividade pola covid-19 e é o primeiro partido que xogan en casa despois de moito tempo. A clasificación, a priori, di que estamos mellor que eles, pero iso non ten que despistarnos, porque todos dabamos ao Guijuelo ao principio como aspirante a todo. Sempre o dixen, para min falar de Guijuelo é facelo da Segunda B, un equipo con moita historia e moita experiencia, con moi bos planteis e adestradores, e facendo moi boas tempadas. Neste caso, o devir da competición fixo que os partidos que teñen por diante sexan moi importantes, do mesmo xeito que para nós.

Dureza do reto. Sabemos ao campo ao que imos, que é complicadísimo competir alí. É un equipo que leva desde novembro de 2019 sen perder no seu campo. Doce partidos xogados e só dous goles encaixados. Só con iso creo que é suficiente para saber ao que nos imos a enfrontar esta fin de semana.

Plan de partido. A día de hoxe, falar dun cambio de filosofía dunha semana a outra é inviable. Sabemos o que facemos ben, que é o que nos está dando resultado e a onde imos tentámolo plasmar. Evidentemente, sabemos a onde imos e que non é San Lázaro, pero é un campo como outro calquera. Imos facer un plan de partido no que vamos a polos tres puntos, aínda que nos teremos que adaptar a moitas circunstancias. É un conxunto moi fiable na súa casa, ten un moi bo plantel, moi bo corpo técnico e necesitan os puntos máis que ninguén, polo que o panorama non é o mellor para competir, pero alá imos co noso plan de partido, a polos tres puntos.

Adaptarse mantendo a esencia. Hai que chegar a un punto intermedio e adaptarnos. Hai partidos no que os músicos de bombo e prato teñen que tentar afinar un pouco e outros nos que os do violín e a frauta teñen que tocar un pouco máis grave. Ao final é adaptarnos ás circunstancias co que hai, pero a base ten que ser a nosa.

Baixa de Pablo Antas. Creo que hai xogadores na posición de Antas para cumprir coas expectativas e co partido que agardamos. Pablo Antas sería un xogador moi polivalente para nós, perdémolo, pero hai outros que están capacitados para iso.

Cambio de tendencia en Salamanca. Non sei se é a terra, pero imos collerlle teima a este ritmo. Agardamos que cambie esta semana. Parece ser que teñen un xamón extraordinario, polo que oxalá podamos traernos os tres puntos e un xamón de recordo.

Aprender dos erros. Evidentemente, hai antecedentes e queremos ser semana a semana mellor equipo e para iso hai que aprender dos erros. No meu caso, é tomar decisións distintas. Facendo un baremo de todo, irá o plan de partido. Cada fin de semana non nos centramos na clasificación do rival, sería un erro. Centrámonos en ver que fai o rival, que fai ben e que non tan ben, para sorprendelos por aí. E despois centrarnos en nós para ser un equipo máis competitivo.

Marcar primeiro. Este equipo sempre comezou gañando no seu campo. Un dos goles que recibe en contra é do Ferrol, no que empata o Racing ao final. Tamén é certo que nos encontros nos que empeza recibindo, como visitante, non é capaz de conseguir a vitoria. Polo que marcar primeiro pode ser un punto moi importante. O que queremos é manter a portería a cero e marcar na rival, pero no momento no que o árbitro pita, xa pouco podemos facer. Para conseguir os tres puntos hai que marcar e a iso vamos.

Lograr a terceira consecutiva. Se es capaz de lograr tres vitorias seguidas é a leche, porque no canto dunha semana de tranquilidade tes dúas ou tres. Por outra banda, nunca sabes onde imos sumar os puntos ao marcador. Despois do partido do Salamanca, ninguén pensaría que se conseguirían no campo máis difícil da categoría. Por tanto, son tres puntos moi importantes, pero non definitivos.

Conseguir os obxectivos co plantel inicial. Toca continuar co que temos, centrarse cada día en dar o 150% e apertar o acelerador. Se cabe, é unha motivación máis. Somos os que empezamos e os que ao final de tempada imos conseguir os obxectivos que nos expuxemos, porque á vista está que o grupo é capaz de conseguilos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado