Miki Villar recibe o premio ao Jugador Cinco Estrellas da SD Compostela 20/21

  • “O lóstrego de Nigrán” foi nomeado, cos votos da afección en Twitter, como o mellor xogador branquiazul deste curso

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

Miki Villar recibiu hoxe, na súa visita á capital galega, o premio ao Jugador Cinco Estrellas da tempada 20/21 da SD Compostela. Grazas aos votos da afección na enquisa realizada en Twitter, o extremo de Nigrán foi nomeado, no pasado mes de maio, ao igual que ao remate da primeira fase, como o mellor xogador branquiazul, neste galardón promovido por Mahou.

Na súa terceira campaña no club, primeira en Segunda B, o extremo de Nigrán destapouse na súa faceta goleadora, unha virtude que uniu á súa punta de velocidade, a súa capacidade para o desborde e a súa gran visión de xogo no último terzo de campo.

Xogando dende o costado dereito, ou mesmo de falso 9 nalgúns partidos, “o lóstrego de Nigrán” disputou os vinte e catro encontros da tempada 20/21, todos eles, menos un, coma titular, para un total de 1855 minutos. Sendo unha das pezas máis importantes do esquema presentado por Yago Iglesias, Miki foi capital para o equipo, tanto o primeiro como no segundo tramo do campionato, grazas aos seus 6 goles, pichichi do equipo, e un par de asistencias.

Este bo facer servíronlle para levar, por segunda vez consecutiva, o premio de Jugador Cinco Estrellas, sumando boa parte dos votos emitidos pola afección a través da rede social Twitter, nunha iniciativa promovida por Mahou, patrocinador, unha tempada máis, da SD Compostela.

Coa entrega deste premio, Mahou demostra o seu compromiso e o seu fiel apoio ao club. O Jugador Cinco Estrellas é un premio moi especial co que se quere recoñecer, por unha banda, aos xogadores máis destacados, e por outro, aos seus afeccionados, que son os encargados da elección.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado