Miki Villar despídese da SD Compostela

  • O extremo de Nigrán decidiu non aceptar a oferta de renovación do club, co obxectivo de competir no fútbol profesional
  • O club agradécelle o seu compromiso e traballo nestas tres tempadas, e deséxalle a maior das sortes na súa nova etapa

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

Miki Villar non seguirá na SD Compostela a próxima tempada. ‘O lóstrego de Nigrán’, tras tres campañas na capital galega, despediuse do club, tras non aceptar a oferta de renovación que tiña sobre a mesa, debido a que se marcou o obxectivo de competir no fútbol profesional.

Miki vaise de Santiago despois de disputar 93 encontros coa camiseta branquiazul en tres tempadas, nas que logrou, ademais, o ascenso á Segunda División B. Nese tempo en casa Compos, o futbolista de Nigrán destapouse como un extremo de gran vocación ofensiva, un xogador que, a maiores da súa velocidade endiañada e da súa gran capacidade para o desborde, tamén destacou como asistente e goleador, especialmente neste último ano.

Así mesmo, na súa etapa en Santiago, froito da súa gran personalidade e forma de ser, axudou a manter o bo ambiente que caracteriza ao vestiario compostelanista e foi un dos xogadores máis queridos pola afección.

Por iso, agradecendo ao máximo o seu enorme traballo e dedicación, a SD Compostela deséxalle a maior das sortes nesta nova etapa, co desexo que siga demostrando e asombrando a todos coas enormes calidades que posúe.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado