Miki, velocidade asegurada para Segunda B

  • “O lóstrego de Nigrán” renovou o seu contrato por un ano para seguir deleitando á afección branquiazul coas súas cabalgadas

Santiago de Compostela, a 13 de Agosto de 2020.

Por terceiro ano consecutivo, esta vez xa en Segunda B, a SD Compostela poderá contar coa velocidade e o desborde de Miki Villar. “O lóstrego de Nigrán” renovou o seu contrato por un ano, polo que seguirá deleitando á bancada do Vero Boquete de San Lázaro coas súas famosas cabalgadas pola banda. O extremo regresa ademais a unha categoría na que debutou con 18 anos.

Ata a data, nas súas dúas campañas na capital galega, ás ordes de Yago Iglesias, Miki foi un dos xogadores con maior presencia no terreo de xogo. A súa capacidade para chegar á liña de fondo en vantaxe foi unha fonte de recursos inesgotable para os branquiazuis, polo que non é de estrañar que se convertese no máximo asistente do equipo.

Este último curso, o do ansiado ascenso, o futbolista de Nigrán disputou 23 partidos de liga, 21 como titular, e os dous do playoff exprés, ambos tamén saíndo de inicio. Neles tivo unha actuación destacada, pechando o ano con tres tantos e innumerables pases de gol. Estes datos súmanse aos 37 encontros do seu debut como branquiazul, polo que pecha a etapa de Terceira División co Compos con 62 duelos ás súas costas.

Agora, con 23 anos, gozará de novo do fútbol semiprofesional, un nivel que coñece do seu pasado no Pontevedra. Alí xogou tempada e media, participando en doce encontros ligueiros. Con todo, desde aquela, Miki madurou e deu un paso adiante no seu fútbol, un rendemento que foi moi valorado pola dirección deportiva da SD Compostela.

Coa súa renovación, un total de doce xogadores do curso pasado xa certificaron a súa continuidade no bloque compostelanista. A eles súmanse as tres fichaxes, polo que Yago Iglesias xa ten a quince xogadores á súa disposición para o regreso do Compos á Segunda División B: Pato, Borja Rey, Sergio Pereira, Álvaro Casas, Soto, Joel, Samu, Baleato, Pablo Antas, Bicho, Josiño, Juampa, Miki, Gabri Palmás e Brais Abelenda.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado