Miki: “Posiblemente sexa o mellor momento da miña carreira deportiva”

Mónica, encargada de Halé Shop, e Miki Villar.

Mónica, encargada de Halé Shop, e Miki Villar.

  • O extremo analizou o encontro ante o Rápido de Bouzas, equipo co que debutou en Terceira

  • O acto tivo lugar na tenda Halé Shop, empresa que ofrece un 30% de desconto aos abonados

Santiago de Compostela, a 25 de Setembro de 2019.

Un vello coñecido visitará este domingo o Baltasar Pujales. O extremo branquiazul Miki Villar regresa á que foi a súa casa nos seus inicios como futbolista, coa sensación de que se atopa en plenitude como futbolista, o que se suma a un gran comezo de tempada para o Compos.

“Posiblemente sexa o mellor momento da miña carreira deportiva. Atópome moi ben tanto física, como mentalmente”, asegurou ante os medios en Halé Shop, no Centro Comercial As Cancelas, tenda que mantén o seu apoio ao club e que ofrece un 30% de desconto a tódolos abonados.

Esta tempada, o xogador compostelanista deu un cambio nas súas rutinas, algo que considera que lel foi beneficioso. “Este curso é un pouco distinto porque estou a vivir en Nigrán, coa miña familia, e estame dando estabilidade, sobre todo, mental”, engadiu.

Esa comodidade está a repercutirlle positivamente, como así o corroboran os datos deste inicio, no que leva dous tantos en liga, outro na final da fase autonómica da Copa Rfef e algúns dos seus habituais pases de gol. “Ao principio de tempada tiven unha charla con Yago e practicamente tivemos a mesma versión sobre o que necesito mellorar. Entre elas, en gran parte é que se teño sorte de cara ao gol sería un xogador máis importante”, analizou.

O atacante ten claro o que quere e a parte a mellorar. “Cada xogador ten que explotar as súas virtudes e eu se algo fago ben é que corro moito e moi rápido”, comentou.

O seu rendemento individual está a coincidir tamén co bo facer do equipo, como asegura. “Podería dicirse que é un inicio soñado, de non ser polo que pasou en Carballo, pero as sensacións, na casa, sobre todo, son moi positivas e estamos a ver que o equipo está a traballar moi ben, cunha gran dinámica e mesmo o día que perdemos quizais merecemos algo máis”, detallou.

Nota ademais que deron un paso adiante nese tan desexado “outro fútbol”. “Demóstrase, por exemplo, na forma na que terminou o duelo o outro día. Coas fichaxes era o que se buscaba, porque o ano pasado moitas veces pecamos de mocidade, e esta tempada demos un paso adiante niso e a xente que veu foi primordialmente para iso”, testemuñou.

Esa mellora será primordial esta fin de semana na visita ao Baltasar Pujales, un terreo de xogo moi distinto ao Vero Boquete. “Coñezo moito ese campo e non é moi grande, pero cambiaron este verán o céspede e iso favoreceranos, seguro, porque o anterior estaba moi desgastado pola cantidade de partidos que se disputan aí (son o equipo galego con máis conxuntos nas categorías inferiores)”, sinalou.

Precisamente, na base dos aurinegros, foi onde comezou a destacar “o lóstrego de Nigrán”. “Estiven catro anos alí, os tres de xuvenís e un en sénior. Sempre lle gardo un agarimo especial, xa que con eles debutei en Terceira con só dezaseis anos e iso márcache”, afirmou.

Con todo, non haberá sentimentalismos ao iniciarse o duelo. Miki teno moi claro. “Sempre aposto polo triunfo do Compos”, concluíu.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado