Matías: “O domingo é un bo día para volver a gañar”

De esquerda a dereita: Ramón Castro, director das Relacións Institucionais do club; Mathias Méndez, xerente de Sión Barbería; Matías Vesprini e Miguel Fernández, director de Marketing do Compos.

  • O central analizou a previa do partido ante o Marino de Luanco en Sión Barbería, o seu patrocinador oficial e o do encontro do domingo

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021

En Sión Barbería, o seu patrocinador oficial e o do encontro deste domingo, Matías Vesprini analizou esta tarde a previa do partido contra o Marino de Luanco no fortín. O central considera que se dan as circunstancias ideais para volver a gañar. A nivel persoal, valora a súa presenza no equipo e adianta que aos poucos agarda chegar ao seu mellor nivel.

Ademais, o acto tamén serviu para presentar ao novo patrocinador oficial da SD Compostela, Sión Barbería, en Área Central. “Decidimos apoiar ao club da cidade, confiamos no equipo e esperamos que esta vinculación se prolongue no tempo. Por suposto, estamos coas portas abertas a todos os que queiran vir coñecernos. E a Matías desexámoslle que a rompa toda, que o dea todo en cada partido e que siga así”, declarou Mathias Méndez, responsable de Sión Barbería.

Declaracións destacadas.

Sensacións do equipo. As sensacións son de que merecemos máis nos tres empates, pero o equipo segue sen perder, as sensacións son boas e agora temos un partido na casa, diante da nosa xente e sería bonito volver á senda da vitoria.

Pechar os partidos. Falamos de que nos falta aprender a pechar os partidos, porque nas segundas partes estásenos complicando. Nas primeiras saímos ben, poñémonos moitas veces por diante, pero despois estanos custando pechar os partidos. É algo no que temos que traballar, somos conscientes diso e vaise a solucionar.

O Marino. Veñen dunha derrota dura na casa, pero esperamos un rival complicado e temos que dalo todo para gañar.

Gañar na casa. En todos os partidos que se poida temos que tentar sumar de tres e na casa máis aínda. O domingo é un bo día para volver gañar.

Estado persoal. Estou con máis confianza, aínda me queda un pouco de rodaxe para chegar ao meu mellor nivel, pero atópome bastante ben e aos poucos creo que irei mellorando.

Competencia. A competencia é máxima, xa o era o ano pasado e este tamén. É algo que se ve en cada adestramento e en cada partido.

Estilo de Rodri. Con Rodri moi ben, creo que todos estamos contentos con el. Principalmente, con el cambiamos un pouquiño en canto a verticalidade e creo que xeramos máis perigo. Pídenos que sexamos verticais, que vaiamos cara adiante e ese creo que é o principal cambio respecto á tempada pasada.

Regreso ao Compos. Non dubidei en vir porque é un sitio moi acolledor, onde me gusta o estilo de xogo e onde consideraba que, con algúns cambios que houbo, podía ser o meu ano aquí. É unha nova oportunidade de quitarme a espiña de non xogar o ano pasado.

Presenza no equipo. Polo momento todos estamos a ter minutos, todos somos importantes no equipo.

Xogar de central. Sentirme, síntome máis cómodo de central, pero eu estou dispoñible para calquera posición. Con Casas enténdome ben, sentinme cómodo xogando con el e creo que respondemos bastante ben xuntos, pero tamén Guille está a facelo ben. Ao final, o míster é o que decide os dous que xogan dos tres que estamos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado