Mario seguirá ata 2024 como xogador do primeiro equipo

  • O mediocentro formará parte do primeiro plantel tralo seu gran rendemento no filial

  • A tempada pasada xa debutou en Segunda RFEF, participando en tres partidos

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022

Mario Constenla seguirá na SD Compostela ata 2024 e farao como integrante do primeiro plantel. O mediocentro de Forcarei, despois dunha gran campaña no filial, rendemento que lle levou a debutar o curso pasado na Segunda RFEF, será un máis do equipo dirixido por Fabiano, tras ampliar a súa vinculación co club por dúas tempadas.

Aos seus 20 anos, Mario demostrou neste tempo unha gran madurez e intelixencia táctica para dirixir ao equipo dende o centro de campo. Ademais, dispón dun bo trato de balón, estando sempre ben colocado, o que lle permite prever como se desenvolverá o xogo. Estas calidades levaron á dirección deportiva a tomar a decisión de que dese este salto desde o Sigüeiro á SD Compostela.

Na última tempada, o centrocampista pontevedrés estreouse co Compos de maneira oficial (xa xogara en pretempada) na visita ao Adarve, naquel momento líder da categoría, xogando o partido completo e demostrando as súas grandes capacidades contra un rival de altura. Posteriormente, seguiu na dinámica do primeiro equipo, adestrando ás ordes de Rodri e volvendo participar noutros dous encontros: ante o Avilés (18 minutos) e o Salamanca (2 minutos).

Este foi o cumio individual a un gran ano, no que se asentou como eixo central do Sigüeiro, disputando 25 encontros, 21 como titular, e resultando clave para que o equipo pelexase polo ascenso a Terceira RFEF. Todo iso, no seu primeiro ano sénior.

Anteriormente, nas categorías inferiores, Mario chegou ao Compos, procedente do Pontevedra, no seu último ano xuvenil, participando activamente no histórico ascenso a División de Honra. Ese ano, no que tamén compaxinou adestramentos co primeiro equipo, disputou 22 partidos, todos menos un de titular, liderando ao equipo dende o centro do campo.

Coa súa incorporación ao primeiro plantel, a SD Compostela 22/23, ás ordes de Fabiano, dispón xa de catorce xogadores con contrato: Pato Guillén, Borja Rey, Roque, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián Canedo, Martín Salvador, Pablo Antas, Samu, Mario, Fer Beltrán, Jordan, Parapar e Pablo Durán.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado