Manu Rivas: “Aínda que non se deu o resultado ideal, para min, o domingo foi un día máxico”

  • O canteirán branquiazul valora o gran ano vivido e lembra con especial agarimo o seu debut en Segunda B

Santiago de Compostela, a 6 de Maio de 2021.

Dende a súa chegada á SD Compostela, o periplo de Manu Rivas foi inmaculado. Na súa primeira campaña, logrou o ascenso a Liga Nacional e estivo presente no ascenso do primeiro equipo en Balaídos, debido a que estivo a adestrar ás ordes de Yago Iglesias durante todo o ano. E nesta segunda tempada, logrou o ascenso a División de Honra e, este pasado domingo contra o Marino, debutou en Segunda B. Por iso, o canteirán branquiazul valora o gran ano vivido, destaca o seu crecemento como futbolista e cataloga a súa fichaxe polo Compos como unha das mellores decisións da súa vida.

Despois de dous anos adestrando co primeiro equipo e entrando nalgunha convocatoria, este pasado domingo tiveches a oportunidade de debutar en Segunda B. Como foi ese momento e como te viches no campo?

Foi un momento especial e aínda que non se deu o resultado ideal, para min, foi un día máxico. Tras moitas convocatorias nas que non se deu a oportunidade, por fin chegou o momento. Ao principio estaba nervioso, porque é un nivel moi alto e queres tentar igualalo, pero conforme pasaron os minutos fun sentíndome máis cómodo.

Consideras que foi o cumio perfecto a unha gran tempada?

Pois si. Este ano foi incrible, dende as convocatorias co primeiro equipo ao ascenso do xuvenil con partidos que lembrarei durante moito tempo. Foi o culminar a tempada dunha forma incrible.

En dous anos no Compos lograches dous ascensos co Xuvenil e viviches, de primeira man, outro co primeiro equipo. Como valoras estas tempadas na SD Compostela?

Creo que vir ao Compos foi unha das mellores decisións da miña vida. Permitiume crecer como xogador moitísimo, aprender de adestradores moi bos e creo que me axudou a ser un xogador máis completo en case todas as facetas.

Volvendo ao primeiro equipo, dende a túa chegada, Yago Iglesias contou sempre contigo. Que aprendiches con el?

Creo que os xuvenís que adestramos co primeiro equipo, á parte de adestrar a outra intensidade, vemos moito mellor o fútbol que quere xogar o Compos e todas esas mobilidades axúdannos nos partidos. Outra das cousas que noto é que aprendes a elixir moito mellor que facer nos partidos e les mellor os momentos de xogo. En resumo, aprendín un pouco de todo.

Axudouche a crecer como futbolista?

Se me comparo co xogador que era o ano pasado, creo que este ano mellorei nos meus puntos débiles un pouco, descubrín cales son e tentei traballar neles. Isto fai que sexa máis completo no campo.

Como se leva o compaxinar os adestramentos co primeiro equipo e despois baixar a xogar co xuvenil? Nótaste mellor nos partidos?

Sinceramente, creo que me vén moi ben. O feito de adestrar co primeiro equipo esíxeche máis intensidade, máis rapidez, e creo que, ao ir cos xuvenís, esa intensidade nótase e agradécese, porque axudas ao equipo para estar máis enchufado. Nos partidos, ao tentar facer un fútbol parecido ao que propón Yago, o feito de ir adestrar con eles creo que axuda moito para poder facelo mellor.

E en canto ao xuvenil, esperabas que saíse un ano tan redondo a nivel grupal?

Este ano, á parte de ter un gran equipo e un gran grupo, déronse os resultados. Dende un principio había optimismo en canto ao equipo e cumprimos o obxectivo. Agardaba un ano bo, pero agradoume o nivel do equipo durante a tempada.

A nivel persoal, sufriches algunha que outra lesión que che impediu ter máis continuidade, pero que valoración fas da túa tempada?

Creo que a miña tempada foi, en xeral, boa. É certo que ao sufrir esas lesións non tiven unha boa continuidade para valorar ben o nivel, pero baseándome nos partidos que xoguei, creo que foi unha gran tempada.

Nela, adaptácheste a xogar de lateral. Crees que é unha posición que che axuda a explotar máis as túas calidades? Onde te sentes máis cómodo, aí ou no último terzo de campo?

Xogar de lateral é máis comprometido, non podes arriscar tanto e non chegas tanto á área, que é o que me gustaba, pero nos últimos partidos, sobre todo os da Fase de Ascenso, si que gocei máis da posición. Se os adestradores me sitúan máis atrás é porque ven algo que eu non vexo e porque pensan que o fago mellor aí, así que a pesar de que me sinto máis cómodo de extremo, non me desagradou xogar nunha posición máis atrasada no tramo final da tempada.

E agora, de cara ao próximo curso, chega División de Honra, unha oportunidade única para o teu último ano na base?

Pois si, é o obxectivo de proxecto que se expuxo cando cheguei. Cumprímolo e agora toca manter a categoría para que os xuvenís que veñan novos, tras a nosa marcha, poidan gozar tamén da mellor liga de Galicia a nivel xuvenil.

Como afrontarás esa nova tempada?

A tempada afrontarase coa maior ilusión posible, tentando dar o mellor nivel para manter ao equipo en División de Honra.

Manu Rivas, no partido do ascenso contra o Coruxo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado