Manolo Hombre: “Nós axudamos ao equipo e eles axúdannos a nós”

A panadería artesanal O Cornecho, situada no barrio compostelano de Galeras, estréase este ano patrocinando ao mediapunta branquiazul Hugo Sanmartín e o derbi desta fin de semana contra o Coruxo FC. Ligado ao fútbol, mesmo dende antes que ao pan, Manolo aspira non só a que o club poida chegar á Segunda División B Pro, senón incluso a ascender.

Cal é a súa actividade?

Eu levo traballando nisto 43 anos, aínda que a panadería propia témola dende fai 7. Aquí temos, fundamentalmente, pan artesán, empanadas e sobremesas de todo tipo. Todo é feito artesanalmente, con fariñas do país, as empanadas con polbo da ría, bacallau… Aínda nestes malos tempos nótase que a calidade pesa, xa que se vende ben.

Que lles levou a patrocinar ao equipo?

Ofrecéronnos a oportunidade e decidimos axudar, apoiar ao deporte local. Se a nós tamén nos beneficia, mellor, pero queríamos axudar simplemente. Gústanos moito ver o fútbol e, a verdade, tamén nos presta ver o noso nome na camiseta de Hugo [Sanmartín]. Empezamos este ano, aínda que anteriormente xa colaboraramos algo tamén co club.

Que lle aporta á súa empresa patrocinar a un equipo de fútbol como o Compostela?

Desta maneira a xente coñece algo máis a panadería. Esa era a intención polo menos, que nos axude un pouco tamén, darnos visibilidade. Nós axudamos ao equipo e eles axúdannos a nós.

Cal é a súa relación co deporte en xeral e a SD Compostela en particular?

Hai que remontarse fai moitísimo tempo… case 60 anos! Xoguei pouco tempo xa que deixei o fútbol porque tiven que poñerme a traballar. Como sempre me gustou, sigo aos equipos de aquí, axudando cando se pode ao deporte local. Somos unha empresa pequeniña e apoiamos ata onde se pode.

Un desexo para esta tempada

A ver se se pode ascender, aínda que está complicada a cousa porque hai equipos moi fortes. O outro día, por exemplo fixeron un partidazo en Riazor. A ver se polo menos podemos meternos na Segunda B Pro. Co equipo que temos, estámolo facendo moi ben.

Juan Pachecho Penedo, esquerda, e Manolo Hombre Dopazo, xerente da Panadería O Cornecho.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado