Mal día na oficina para o Compos nun Helmántico impracticable

Momento da lesión de Primo na segunda metade. Foto: Manu Laya/El Norte de Castilla.

  • Os nosos tentárono durante todo o encontro, pero os locais sacaron maior rédito ao estado de campo
  • Do posible gol do empate, pasouse ao segundo do Salamanca, e da posibilidade de recortar distancias, ao terceiro

Santiago de Compostela, a 20 de Xaneiro de 2021.

Un mal día na oficina. Así se podería definir o paso da SD Compostela por un Estadio Helmántico impracticable, na disputa da xornada aprazada contra o Salamanca. Os nosos fixeron todo o posible por levar a pelota ao fondo da rede, pero non houbo maneira. Mentres, os locais aproveitaron o seu xogo máis vertical para levar os tres puntos.

Despois dun bo inicio de partido do Compos, nunha xogada individual do Puma Chávez, ao cuarto de hora, o Salamanca púxose por diante no marcador, vantaxe que se mantería ata a recta final do choque. Aí, trala clara oportunidade de Soto para igualar, chegaría o segundo local, obra de Iván Casado. E tralo cabezazo ao pau de Gabri  Palmás, o terceiro, de Fernando Llorente.

Co único cambio de Samu no once inicial, a SD Compostela saltou ao Estadio Helmántico, moi minguado polo paso de Filomena, co obxectivo de sumar a primeira vitoria deste ano. Os branquiazuis, despois do empate ante o líder, buscaban o triunfo para seguir crecendo na liga.

Tentando dominar a posesión, os nosos foron os primeiros en inquietar o arco rival cun centro de Jimmy que se paseou pola área pequena. Primo chegou para rematar no segundo, pero un central cruzóuselle para evitar o seu gol.

Pola súa banda, os locais, aproveitando o seu xogo vertical, tentaban saír con velocidade cos seus homes de ataque, e o seu plan fíxolle efecto, posto que, no 17, Diego o Puma Chávez abría o marcador tras unha xogada persoal. O dianteiro salmantino avanzou pola esquerda, recortou ata dúas veces na área, e soltou un disparo cruzado ao fondo da rede ante o que nada puido facer Pato.

E puido ser peor, xa que, no 22, nunha falta no bordo da área, Sergio Molina lanzou un zambombazo que se estrelou no traveseiro. E no 33, Pato despexou abaixo un disparo cruzado do propio Chávez.

Tralo tirón local, o Compos volveu dominar a posesión, volveu someter ao Salamanca na súa propia área, pero non puido concretar as súas accións de ataque. Por iso, o partido chegou ao descanso con vantaxe local.

Á volta dos vestiarios, os compostelanistas saíron decididos a buscar a igualada nun campo que cada vez estaba peor polo diluvio que caía sobre o céspede. En varias internadas de Miki e Saro, o Compos tivo a súa opción, pero os centros foron atrapados por Barbero. E polo outro lado, un centro envelenado de Juampa salvouno a defensa no último instante, xusto cando Brais se dispuña a rematar a gol.

No outro área, os salmantinos volvéronse a atopar a Pato, no 56, tras un disparo de Javi Navas, quen aproveitou un balón que quedou morto na área polas balsas de auga.

Chegou entón o momento dos cambios, Yago Iglesias moveu a todo o banco para buscar o empate e os nosos terían a oportunidade da igualada no 76. Ante a imposibilidade de xogar por abaixo, Pablo Antas colgou unha falta, Baleato rematou de cabeza, Barbero non foi quen de atrapala e o balón morto na área pequena chegoulle a David Soto, pero o central enviou fóra o seu disparo.

E da posible igualada, pasouse ao 2-0. Precisamente noutra falta, botouna Fer Llorente e Iván Casado, no segundo pau, cabeceou a pelota ás mallas. O liña levantou a bandeira indicando o fóra de xogo, pero houbo un toque de cabeza previo de Pablo Antas, e o colexio deu o gol.

Pese ao golpe, non baixaron os brazos os branquiazuis e puideron recortar diferenzas nun centro medio de Antas que rematou de cabeza cruzado Gabri Palmás, pero non era o día e o esférico, tras botar, pegou no poste.

E a seguir, novo gol do Salamanca, o terceiro. Fer Llorente cabeceaba á rede un centro de Javi Navas, logo dunha xogada na que Pato interviñera previamente a disparo do propio mediocentro. Foi a sentenza.

Co 3-0 no luminoso chegouse ao final do encontro. De novo, os santiagueses non puideron sacar nada da súa viaxe Salamanca. Foi un mal día que debe axudar aos nosos a mellorar, unha pedra no camiño inmaculado do equipo para seguir progresando. Toca levantarse porque o domingo, ás 17.00 horas, haberá nova cita, esta vez, en Riazor, no partidazo contra o Deportivo.

FICHA TÉCNICA:

3- SALAMANCA CF UDS: Dani Barbero; Anderson, Iván Casado, Sergio Ayala, Candelas; Javi Navas, Fer Llorente, Sergio Molina, Amaro (Luís Telles, m.68), Ernest (Uxío, m.72); e Diego Chávez (Nacho López, m.89).

0- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, David Soto, Guille Torres, Jimmy; Samu (Juampa, m.46), Pablo Antas, Bicho (Baleato, m.71); Miki (Josiño, m.61), Brais Abelenda (Gabri Palmás, m.71) e Primo (Hugo Sanmartín, m.61).

GOLES: 1-0: Puma Chávez, min.17; 2-0: Iván Casado; 3-0: Fer Llorente, min.87.

Árbitro: Carbonell Hernández (Comunidade Valenciana). Amoestou a Amaro, Javi Navas e Luís Telles, polo Salamanca; e a David Soto, Pablo Antas, Hugo Sanmartín, Juampa e Guille Torres, polo Compos.

Incidencias: Estadio Helmántico (Salamanca). Partido aprazado da xornada 9 de liga do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado