Mal día na Laracha

Santi Canedo vs Laracha CF

Foto: Amadeo Rey.

  • O Compos perdeu por 5-1 nun encontro no que se atopou con todo en contra

Santiago de Compostela, a 28 de abril de 2019.

A SD Compostela levou un 5-1 da súa visita ao Laracha nun mal día no que se atopou con todo en contra. Dúas accións puntuais no primeiro acto puxeron o encontro moi de cara para os locais no primeiro acto e mataron no ida e volta do segundo. Manu Mosquera e Parga foron os goleadores antes do descanso, mentres que Guedes, por dúas veces, e Iago Novo ampliaron diferenzas, pese ao tanto de Álex Ares.

O Compos quería reivindicar no Municipal da Laracha o seu papel como visitante. Tras dúas derrotas consecutivas, Yago introduciu catro cambios no once inicial buscando traerse os tres puntos de novo a Santiago, malia que para iso debían facer fronte a un terreo de xogo totalmente distinto ao que afán.

Con todo, despois duns primeiros minutos de tenteo, o Laracha foi o primeiro en ver porta, tras unha xogada desafortunada e polémica. Adri Castro recibiu na banda e puxo un centro á área pequena que acabou remachando desde o chan Manu Mosquera, logo de que Lorenzo recibise un golpe e non puidese atrapar o balón. A pesar das queixas, o tanto subiu ao luminoso.

Pese ao golpe, os nosos pareceron non inquietarse e foron gañando terreo a medida que avanzaba o duelo. Brais Abelenda, ás costas dos centrais, creaba as accións de maior perigo, malia que a máis clara veu nun córner. O propio dianteiro, tras recibir de David Uña, enviou arriba coa cabeza ante un Santi Canedo que xa non podía facer nada.

Pero a pesar da insistencia, a mala fortuna volveu facer acto de presenza e foron os locais os que o aproveitaron. Manu Mosquera caeu na área, tras cruzarse por diante de Álvaro Casas e o colexio decretou o penalti, o cal foi materializado por Parga, despois de enganar por completo ao meta santiagués.

Tralo paso polos vestiarios, o Compos buscou a alternativa coa entrada de Josiño  e Naveira, pero recibiu un novo mazazo aos seis minutos. Adri Castro volveu recibir en banda con metros por diante, encarou a Lorenzo, este tapou o seu tiro, pero o rexeite foille  ás botas dun Guedes que enchufou o terceiro sen oposición.

Parecía imposible xa, pero os nosos volvéronse a meter no encontro cun penalti ao cuarto de hora por unha man de Iván. Álex Ares, experto nesta materia, atopou a rede ao enganar por completo a Santi Canedo.

Os branquiazuis fóronse arriba e o segundo non chegou por milímetros, os que lle faltaron ao propio Ares para que a súa falta desde a frontal se coase na escuadra.

Con todo, os locais volveron ampliar a vantaxe ao atoparse co cuarto aos catro minutos. Adri Castro colgouna ao segundo pau e Guedes, ao beneficiarse do despexe da defensa, volveu rematar a portería baleira.

Despois do tanto o partido converteuse nun correcalles e aínda que Santi ou Alberto tiveron o segundo, o que acabou marcando foi Iago Novo. O mediapunta anotou o mellor da tarde, despois dunha xogada na que regateou a todos os rivais que se lle puxeron por diante e definiu cruzado ante Lorenzo.

A pesar das últimas rabexadas do duelo, o marcador xa non se moveu e o Compos levou unha nova derrota como visitante para Santiago. A pesar diso, toca levantar xa a cabeza porque o mércores o equipo volverá á acción ante o Racing Club Villalbés no Vero Boquete.

FICHA TÉCNICA:

5- Laracha CF: Santi Canedo; Víctor, Antonio, Parga, Iván; Angeriz (David García, m.84), Kanouté; Adri Castro (Iago Branco, m.74), Iago Novo, Guedes (Concheiro, m.81); e Manu Mosquera.

1- SD Compostela: Lorenzo; Saro, Álvaro Casas, David Uña (Naveira, m.46), Chechu; Mon, Marcos Remeseiro (Alberto Freire, m.72); Brais Abelenda, Álex Ares, Rubén (Josiño, m.46); e Santi.

Goles: 1-0: Manu Mosquera, min.11; 2-0: Parga, min.41; 3-0: Guedes, min.51; 3-1: Álex Ares, min.64; 4-1: Guedes, min.68; 5-1: Iago Novo, min.80.

Árbitro: Álvarez Calderón, comité vigués. Amoestou a Iván, Víctor e Antonio, polos locais.

Incidencias: Partido da trixésimo cuarta xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Campo de Fútbol Municipal da Laracha ante 450 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado