Levantar a cabeza en Segovia

  • O Compos quere sacar os tres puntos este domingo e espera que este mal grolo fortaleza ao equipo

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022

Inmerso nunha mala xeira de resultados, a SD Compostela quere quitarse de encima esa mala dinámica este domingo, 17.00 horas, na súa visita á Gimnástica Segoviana. Na Albuera, contra un rival que acaba de cambiar de adestrador, os nosos buscarán recuperar a senda da vitoria, tres puntos moi importantes a nivel anímico, pero tamén clasificatorio, para manterse na zona de playoff de ascenso.

Na rolda de prensa, esta tarde, Rodri destacou a importancia deste encontro para o grupo, polo resultado e polas sensacións, competindo ao ritmo e ao nivel anterior.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. Temos a Roque sancionado por acumulación de tarxetas e a Parapar, que xa a semana pasada non puido xogar, porque tivo un pequeno problema muscular e parece que tivo unha pequena rotura de fibras, polo que tampouco estará esta semana. O resto do grupo espero que estea dispoñible.

A semana máis complicada. A nivel persoal foi unha semana dura, levamos un revés importante o sábado, tocou asimilalo e dentro do malo tentamos sacar a parte positiva. Tivemos unha boa charla o luns, corpo técnico e xogadores, unha charla na que pedín que fose construtiva e na que nos dixésemos as cousas claras polo ben de todos. A partir de aí, creo que recuperamos certas sensacións que había unhas semanas que non tiñamos, a nivel de adestramentos. Gustoume o compromiso e espero que este mal grolo que estamos a pasar nos fortaleza. Non queres que che pase, pero unha vez che pasa, hai que tentar sacar cousas positivas, porque che pode abrir os ollos en determinados aspectos, sobre todo para xerar máis unión, máis humildade e máis traballo. Estamos nunha situación privilexiada aínda, que a principio de tempada asinariámola todos, porque dependemos de nós mesmos. O premio final levarémolo se todo vai ben e se todos remamos na mesma dirección.

Resumo da conversación. Había cousas que seguramente deixásemos de facer. Sempre poño o mesmo exemplo, porque había unha tempada que tiñamos tan bo equipo que gañabamos practicamente sen facer nada, polo que ao principio te esixías un pouco máis e despois te ías relaxando. Por tanto, unha das conclusións que sacamos é que temos que volver traballar aos niveis de antes, porque será o que nos levará ao éxito. Agora calquera equipo pódeche pintar a cara sen estar ao 100% e nada che di que estándoo vaias gañar, aínda que é o primeiro paso. Creo que por aí este revés pódenos vir ben, sobre todo na situación que aínda estamos, e gustoume a reacción dos xogadores á hora de aplicarse o traballo.

A Segoviana. Acaban de cambiar de adestrador, aínda que nos estamos guiando polo que viamos antes. O adestrador novo meteralle matices e parécenos un equipo moi complicado. Teño o recordo da primeira volta e sorpréndeme moito a clasificación. Non puiden ver todos os partidos, pero si que vin varios e creo que lle está penalizando moito a falta de puntería. Temos que ter claro que nos enfrontaremos a un rival de moitísima calidade, que move moi ben a pelota e temos que volver ser nós mesmos, que me preocupa un pouco máis. Recuperar esas sensacións, esa fame, esa agresividade, ofensiva e defensiva, que tivemos durante moitas xornadas e que é a clave do éxito do Compostela.

A identidade do equipo. Este ano a identidade non a podes ter tan marcada, polos campos aos que vas xogar. En San Lázaro hai un escenario, pero fóra atópaste outros distintos. Esta semana, por exemplo, tampouco sabes o que te vas a atopar. Si que é certo que é un campo grande, que cremos que estará nun bo estado, pero sen chegar a ser este estadio. Por aí, si que é certo que non temos unha identidade tan marcada como outros anos, pero é un tema de adaptación ao contexto que nos atopamos cada semana.

Estilo de posición e transición. Esta semana pasada enfrontámonos a un rival con 5-3-2 repregado e queiras ou non, vas ter a pelota. Vexo as estatísticas e tivemos un 73% de posesión, fixemos 115 ataques, 23 tiros a portería… contra un rival así, que che tira unha vez a portería e que che puido marcar dous goles, pois terás a pelota. O fútbol agora, onde máis diferenzas se marcan, é nas transicións. Evidentemente, traballamos un escenario que é prioritario, o xogo de posición, pero polas virtudes dos xogadores que temos, cando podamos transitar, imos correr.

Lección aprendida. Seguramente, contra un equipo en bloque baixo, como era esta semana, dez xogadores ben posicionados é difícil xerarlle perigo se non tes un talento esaxerado. Aí o que tes que facer é cando perdas a pelota, tentar facer unha boa presión e a partir de aí transitar, e iso fallounos o outro día. Estamos a traballar as dúas cousas, insistindo moito nas transicións porque temos xente para correr, pero tamén no outro, porque temos condicións, primeiro, e porque os rivais e o campo tamén nolo demandan.

A polos tres puntos. Adestramos mañá e ao saír imos xa. Facemos noite en Segovia e a afrontar o partido coma sempre: con humildade, con concentración, con agresividade e coas orellas de punta. É un partido moi importante para nós, polo resultado, pero tamén polas sensacións, que o equipo volva competir ao ritmo e ao nivel que o facía anteriormente. Oxalá sexamos quen de sacar os tres puntos, porque agora si que os necesitamos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado