Juan Carlos Barros: “Poder compartir esta tempada tan espectacular con Juampa é moi gratificante”

A chegada de Juampa Barros á SD Compostela é especialmente ilusionante para os seus pais, que patrocinan o partido desta semana contra o Numancia á espera de que as cousas volvan á normalidade para o seu café-bar París, así como para o resto da hostalería e os estadios.

Cal é a súa actividade?

É a nosa segunda etapa no París, xa que estivemos dende o ano 1998 ata o 2008, pero en 2017 volvemos. É un café-bar situado na rúa dos Bautizados 11, na zona vella de Santiago de Compostela.

Que lles levou a patrocinar ao equipo?

Somos moi afeccionados ao deporte, sobre todo ao fútbol, e que mellor que apostar polo equipo da nosa cidade, a SD Compostela.

Que lle aporta á súa empresa patrocinar a un equipo de fútbol como o Compostela?

Aporta visibilidade ao noso negocio, xa que o Compos ten unha afección moi grande e nestes momentos tan difíciles é unha inxección que nos axuda a seguir adiante.

Cal é a súa relación co deporte en xeral e a SD Compostela en particular?

O café-bar París aposta todas as tempadas por todo tipo de deporte en todas as categorías, especialmente, polo fútbol. Este ano apostamos polo Compos xa que o meu fillo, Juampa Barros, forma parte deste proxecto tan ambicioso e ilusionante.

A fichaxe de Juampa polo Compos foi unha das máis ilusionantes da tempada, como valorades a súa chegada?

Ao igual que moitos dos nosos clientes, con moitísima ilusión. Poder compartir esta tempada tan espectacular ao seu lado é moi gratificante.

Un desexo para esta tempada.

Desexamos que tanto os bares coma os estadios volvan a ser o de antes.

Juampa Barros na súa presentación acompañado de seu pai, Juan Carlos Barros, e Manu Castiñeiras.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado