Juampa: “Sumar os tres puntos contra o Coruxo é prioritario”

  • O extremo asegura que as próximas dúas xornadas son importantísimas, xa que marcarán o devir do equipo na liga.

Santiago de Compostela, a 27 de Xaneiro de 2021.

Este domingo visitará o Vero Boquete de San Lázaro o Coruxo FC, un equipo que Juampa Barros coñece moi ben, pois con eles disputou dúas tempadas en Segunda División B. O extremo branquiazul espera que o subidón anímico de Riazor lles axude a sumar unha nova vitoria como locais. Ademais, asegurou que desexa seguir xogando e gañando para alegrar aos seus pais, responsables do Café Bar París (patrocinador da súa camiseta), quen están pasando por momentos complicados.

Nova final. Despois do partido estabamos en shock polo que realizaramos e eran momentos de desfrutar, pero agora xa asumimos o que fixemos e temos que deixar de pensar en Riazor porque o domingo vén outro rival. Cada encontro é unha final e pensamos só no Coruxo.

Os tres puntos, prioritarios. Temos claro que o primeiro obxectivo é quedarnos outro ano en Segunda B e canto antes podamos conseguir os puntos para iso, moito mellor. O prioritario é sumar os tres puntos na casa contra o Coruxo para axudarnos a lograr a permanencia.

Importancia destas dúas xornadas. Estas dúas xornadas que se nos presentan van marcar o noso final de tempada. Se facemos ben as cousas, poderemos pensar en algo grande ou en ter que loitar ata o final. Por iso, van marcar o camiño do Compostela, porque dentro das boas sensacións que estamos a ter no campo, o que dita sentenza son os puntos e a iso vamos.

Recordos e diferenzas respecto á primeira volta. O Vao sempre é difícil, levan cos mesmos xogadores moitos anos e é un campo moi complicado. Alí, na primeira volta, fixemos un bo partido, aínda que non puidemos meter gol, e esperamos seguir nesa liña. Nesta segunda volta, estamos con mellores sensacións e no Vero Boquete estamos a demostrar un moi bo nivel, polo que esperamos que este domingo sexa máis do mesmo.

Claves para o derbi. Buscaremos ter o balón os máximos minutos posibles e así poder crear ocasións. Creo que o Coruxo tentará ter o balón, porque teñen xogadores, e así o están demostrando, que lle gusta manexar o ritmo do partido, a pesar de que non están a ter sorte para o gol. Será un partido complicado e imos ter que dalo todo para conseguir os tres puntos.

Importancia das sensacións no campo. Este domingo fíxose un pouco de xustiza ás xornadas pasadas, nas que o bo xogo non se vía no resultado. Aínda así, este ano, a clasificación non se pode mirar moito porque gañas un partido e estás terceiro, pero se perdes dous xa estás entre os últimos. É unha liga moi cortiña, moi rifada, e creo que non hai que mirar tanto a clasificación e si as sensacións no campo, de dominar os partidos. Esa é a liña para seguir conseguindo bos resultados.

Reforzo moral. Contra o Deportivo son tres puntos, como en calquera outro partido, pero si que gañar en campos como Riazor sóbeche a confianza e a autoestima, por iso, dáche ese plus de que podes gañarlle a calquera e que podes facer un gran ano. Por iso, espero que este domingo se vexa un Compostela igual ou mesmo mellor.

A liña do equipo. O equipo, desde que comezou a tempada, cada xornada está a demostrar que pode competirlle a calquera. Quitando a fochanca de Salamanca, creo que mantivemos un nivel de xogo moi bo durante todas as xornadas.

Reparto dos goles. Creo que as porterías a cero, nesta liga, cos equipos que hai, son moi complicadas de conseguir e danche moitos puntos. Si que é verdade que en moitos partidos non estivemos acertados de cara ao gol, pero tamén ten moito mérito non encaixar neles. Se pensamos neses encontros, o rival apenas nos fixo ocasións, e creo que é porque defensivamente estamos nun nivel moi alto. O importante é deixar a portería a cero e despois materializar as ocasións que teñas.

O primeiro gol. Teño moitísimas ganas de estrearme co Compos e máis se é para lograr os tres puntos. Pero creo que teño que seguir co traballo que estou a realizar. O meu obxectivo principal é que o equipo gañe, que o Compos estea o máis arriba posible e iso teño que facelo dando o 100%, como creo que estou a facer, e os goles xa chegarán.

Xogar o partido completo. Somos vinte e dous xogadores, só poden xogar once, e todos o merecen, polo que teño que seguir demostrando moitas cousas para poder xogar os noventa, ou os que sexan. Sexan os minutos que sexan, pelexarei e darei todo para que o míster confíe en min e axudar ao equipo no que poida.

A xogada do gol de Riazor. Creo que o nivel dos árbitros na liga é moi bo e pensando nesa xogada, creo que o rival esaxera a caída e que por iso non a pitou. Tenme pasado ao revés. De todas as maneiras, hai máis cousas para que acabe chegando o gol. En todo caso, no minuto 6, no gol que me anulan, hai unha patada de Borges a Guille Torres por detrás moi clara, polo que, se hai queixas polo meu empuxón, hai un penalti moito máis claro.

Mensaxe para a hostalería. É unha situación moi complicada, vívoo moi de preto porque teño a toda a familia na hostalería, polo que o outro día, nada máis saír do partido, tiña moitas ganas de chamarlles e de escoitar que estaban contentos. O maior regalo que lle podo facer agora aos meus pais é dar o máximo no fútbol, porque o están pasar moi mal, igual que moita outra xente, e agardo que a situación mellore. Nós somos uns privilexiados, porque seguimos mantendo o noso traballo cando moitos outros están nunha situación difícil. Espero que todo isto mellore.

Juampa durante a súa presentación como xogador do Compos no Café Bar París, o seu patrocinador.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado