Juampa non seguirá na SD Compostela

  • O extremo despídese do Compos tras non aceptar a oferta de renovación
  • O club agradécelle o seu traballo e dedicación nesta pasada tempada e deséxalle moita sorte para o futuro

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

Juampa Barros non continuará na SD Compostela na Tempada 2021/22. O extremo zurdo santiagués despediuse do club, e da súa cidade, tras non aceptar a oferta de renovación que se lle propuxo.

Juampa deixa a capital galega tras unha gran campaña na que disputou vinte e un encontros, un deles de Copa do Rey. En total, superou amplamente os 1.000 minutos de xogo, nos que anotou dous goles e repartiu varias asistencias. Ademais, no seu debut coa camiseta branquiazul, demostrou a súa calidade e o seu desborde, así como a súa loita constante sobre o céspede polo ben do equipo.

Nesta pasada tempada, á vez que demostrou un gran rendemento sobre o campo, tamén foi unha peza importante dentro da familia branquiazul, tanto dende o plano persoal, axudando ao bo ambiente do vestiario, como dende o plano empresarial, sempre implicado co club a través das empresas familiares.

Por todo iso, agradecendo ao máximo o seu enorme traballo e dedicación pola SD Compostela, o club deséxalle a maior das sortes no seu futuro. Santiago sempre será a túa casa. Moitas grazas, Juampa.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado