Jota Peleteiro visita as instalacións da SD Compostela

Jota Peleteiro, no centro, firmando o libro de honra da SD Compostela, acompañado da Xunta Directiva do club.

  • O extraordinario mediapunta da Pobra interesouse polo proxecto compostelanista

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O extraordinario futbolista galego Jota Peleteiro visitou na tarde de onte as instalacións da Sociedade Deportiva Compostela, aproveitando a súa estancia en Galicia.

O xogador, nativo da Pobra do Caramiñal e exxogador de Alavés, Eibar, Aston Villa ou Celta, entre outros equipos, reuniuse durante máis de dúas horas coa xunta directiva do club para coñecer en detalle o proxecto compostelanista e interesarse pola marcha do mesmo.

Jota mostrou o seu gran interese no club, polo que ten un especial agarimo e ao que segue na distancia, á vez que quixo trasladar o seu afecto e admiración polo Compos, ao que considera o club de referencia en toda a comarca e un dos acenos de identidade do fútbol galego.

O presidente da SD Compostela, Antonio Quinteiro, relatoulle durante a reunión todo o traballo que se está facendo no club, facendo especial fincapé na aposta decidida que o Compos ten polos futbolistas galegos e por facer unha estrutura forte de canteira, a cal lle permita nutrirse da mesma nos próximos anos.

Por último, a xunta directiva trasladou unha invitación a Jota para que poida asistir a algún partido do Compos durante esta tempada, para que poida seguir coñecendo máis de preto ao equipo santiagués, á vez que tamén lle desexa a maior das sortes nos seus próximos proxectos deportivos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado