Josiño: “Conseguir os tres puntos contra o mellor equipo da segunda volta daríanos ese impulso que necesitamos”

Dende a esquerda: Miguel Fernández, Manuel Freire, Josiño e Rubén Freire en Durmet.

  • Josiño analizou a previa do derbi ante o Coruxo, destacando a importancia de sacar adiante esta situación

Ordes, 22 de marzo de 2022

A SD Compostela disputa este domingo no fortín, ás 17.00 horas, un derbi moi importante. Os nosos queren saír da mala dinámica contra o Coruxo e para iso esperan a mellor entrada da tempada. Co apoio da bancada, os branquiazuis esperan ese impulso que necesitan para volver á boa senda.

Esta tarde, nas instalacións de Durmet, Josiño analizou a previa dun encontro que, do mesmo xeito que o mediapunta, está patrocinado pola empresa de colchóns, a cal segue un ano máis axudando ao proxecto compostelanista.

“A iniciativa de apoiar ao Compostela débese a que somos da cidade e queriamos apoiar ao equipo local. Ademais, o meu fillo é moi afeccionado do equipo”, explicou Manuel Freire, xerente da firma.

Declaracións destacadas de Josiño.

Repoñerse mentalmente. Pola mala xeira que levamos, temos que desconectar neste día libre e afrontar o que vén.

Últimas derrotas. Non creo que haxa que darlle moitas voltas ás últimas semanas, pero está claro que hai un problema porque non somos quen de gañar. A única solución é crer en nós mesmos e no traballo que estamos a realizar durante a semana.

A clave. Os partidos son 90 minutos e temos que estar alerta todo o partido, porque senón pode ir na nosa contra. Non estamos impacientes, pero ves que as cousas non saen como queres. Está a custarnos máis crear xogo e dásenos mellor ir á contra ou atacar a rivais que non están repregados, pero é algo no que temos que traballar, porque se pode mellorar.

Un exemplo para seguir. O Coruxo pode ser un exemplo para nós, un equipo que pasou por unha moi mala serie e que se soubo repoñer. Penso que se conseguimos sacar algo positivo desta xornada vainos reforzar dúas veces máis. Conseguir os tres puntos contra o mellor equipo da segunda volta daríanos ese impulso que necesitamos.

O Coruxo. É un equipo con xogadores de moita calidade individual, de bo pé, que xogan un fútbol combinativo. Creo que se merece estar onde está.

O fortín. San Lázaro tennos que vir ben a nós, en primeiro lugar, porque é o noso campo e coa nosa xente. Penso que aquí debemos impoñer o noso fútbol e que o rival se adapte ao noso xogo. Con todo, é verdade que o Coruxo é un conxunto que se pode adaptar perfectamente a este campo.

Importancia da afección. Canta máis xente haxa, máis te divirtes e sentes unha presión boa. En todo caso, tentaremos sacar os tres puntos pola xente que estea e a que non poida vir. Temos que darlle unha alegría a esa xente que veña ao Estadio. Necesitamos o seu apoio e daremos todos o 100% por gañar e por levar ao Compostela onde se merece.

Clasificarse para o playoff. Penso que estaremos no playoff, pero non debemos pensar máis aló que o partido do Coruxo. Sería un erro mirar máis para arriba, sen darte conta do bo rival que temos enfronte o domingo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado