Josiño: “Coa nosa afección, o que queremos é gañar”

Lalo Crespo, director do Hotel Oca Puerta del Camino, e Josiño, co cartel do partido.

Lalo Crespo, director do Hotel Oca Puerta del Camino, e Josiño, co cartel do partido.

  • O mediocentro, no seu segundo ano, analizou o encontro ante o Fabril no Hotel Oca Porta do Camiño

Santiago de Compostela, ao 18 de setembro de 2019.

A SD Compostela volveu esta tarde aos adestramentos, coa mente posta no encontro do domingo contra o Fabril. Os branquiazuis volveron atoparse no campo de San Lázaro II para preparar este gran encontro, do que esperan saír vitoriosos.

Nesta liña manifestouse Josiño Filgueira, xogador que cumpre a súa segunda tempada no club, e que analizou a previa nas instalacións do Hotel Oca Porta do Camiño, empresa que tamén segue apoiando á entidade.

“Coa nosa afección apoiándonos, o que queremos é gañar. Simplemente é un partido máis, pero estamos a traballar duro e temos gañas de que chegue o domingo”, comentou o mediapunta.

Trala derrota contra o Bergantiños, o plantel xa só pensa no próximo e iso pasa por volver sumar de tres. “Non creo que merecésemos a derrota, pero témolo esquecido e xa pensamos no seguinte”, aclarou.

Precisamente, respecto ao próximo rival, Josiño analizou as posibles claves que poden decidir a contenda. “Os dous somos equipos que expoñemos, polo que o que teña o balón será quen domine, sendo unha das claves polo tipo de xogadores que temos ambos”, matizou. Deses futbolistas, destaca a súa mocidade, rapidez e a súa dedicación, polo que “ao 90% estarán arriba”.

Ademais, no referente ao equipo herculino, coñece ben a algúns deles, do seu paso polo xuvenil, unha experiencia que lle deixou bos recordos. “Teño compañeiros que aínda xogan no Fabril, cos que pasei un gran ano nunha cidade nova para min. Gárdolle moito agarimo tanto ao club, como á xente de alí”, explicou ante os medios.

Con todo, non haberá amigos esta fin de semana, xa que os nosos queren plasmar a súa idea de xogo no Vero Boquete e levar o gato á auga. “En tódolos partidos da casa tivemos moitísimas ocasións e oxalá esta vez éntrennos máis”, desexou.

Sabe, polo curso pasado, que o estadio debe ser un fortín, para despois rascar nas saídas. “Gozo moito co xogo que realizamos aquí, e o equipo tamén, pero temos que adaptarnos aos demais campos para sumar os máximos puntos posibles”, asegurou.

Por último, no plano persoal, Josiño é o primeiro en querer saír de inicio neste próximo encontro, malia que para iso sabe que ten que traballar duro. “Tento demostrar durante a semana que podo xogar e a fin de semana demostrar o nivel para estar aí”, concluíu.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado