Jorge Baleato, novo fisioterapeuta da SD Compostela

Jorge Baleato, na Sala de Trofeos da SD Compostela no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

Jorge Baleato Noya será o fisioterapeuta da SD Compostela na Tempada 2021/22. O especialista de Val do Dubra, moi ligado durante toda a súa carreira ao mundo do fútbol, súmase ao corpo médico dun club no que xogou en categorías inferiores.

Licenciado en Fisioterapia pola Universidade Alfonso X “O Sabio” de Madrid (durante a súa etapa de formación realizou as prácticas, precisamente, no Compos), exerce a profesión dende fai vinte anos, xunto ao seu pai, na Clínica Baleato e Baleato (Rúa Camiño Casal de Horta, 34, Santiago). Ademais, tamén é Técnico Especialista en Dietética e Nutrición.

No que respecta á súa vinculación ao deporte, esta vén de lonxe, xa que comezou a despuntar na base do Vista Alegre, antes de incorporarse á disciplina da SD Compostela, no seu Xuvenil de División de Honra. Posteriormente, xogaría tres cursos na SD Compostela B, logrando un ascenso a Terceira División.

Tralo seu paso pola capital galega, seguiría a súa carreira futbolística en equipos da comarca como o Cerceda, Negreira, Santa Comba e Dubra. Trala súa retirada, nos últimos anos, Jorge Baleato, quen conta co Nivel 2 de Adestrador, desenvolveu a función de director deportivo da SD Dubra, cargo que ocupou ata esta pasada campaña.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado