Jordan Domínguez, reforzo para a medular branquiazul

  • O mediocentro de Salvaterra, tras varios anos xogando en Grecia, firma por dúas tempadas na SD Compostela

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021.

Jordan Domínguez Rajo (Salvaterra de Miño, 31/01/1995) reforzará a medular da SD Compostela para a Tempada 2021/22. O mediocentro, con ampla experiencia en Segunda B, chega procedente do Niki Volou grego, conxunto no que militou nas últimas dúas campañas na Super League 2, e firma por dous anos na capital galega.

Jordan destaca por ser un mediocentro de enorme calidade técnica, dotado de grandes habilidades para organizar o xogo do equipo e con capacidade para chegar á área rival, como atesouran os goles marcados ao longo da súa carreira deportiva. Estas facultades, que se adaptan á perfección ao estilo futbolístico branquiazul, sumado á súa experiencia, foron decisivas para afrontar a súa fichaxe.

No seu último periplo en Grecia, o novo futbolista branquiazul participou en trinta partidos de liga, divididos en dous cursos acurtados pola pandemia, nos que anotou catro tantos.

Anteriormente, comezou a súa carreira futbolística nas categorías inferiores do RC Celta de Vigo, nas que foi escalando ata chegar ao filial céltico. En total, co Celta B, disputou 65 encontros en Segunda B, sendo quen de anotar nove goles, a pesar de xogar no medio. Ademais, nesta etapa, na que compartiu vestiario con Álvaro Casas, realizou varias pretempadas co primeiro equipo.

Tras deixar a canteira celeste, Jordan comezaría unha longa viaxe por España e Europa, a cal comezou no CD Toledo na campaña 16/17, equipo co que disputaría unha fase de ascenso a Segunda División e no que disputaría 37 partidos, con tres tantos. Posteriormente pasou polo Real Murcia, a tempada 17/18, con outros 19 duelos en Segunda B; o HJK Helsinqui, na primeira metade do curso 18/19, escuadra coa que gañaría a Liga Finlandesa e disputaría unha fase previa á Europa League, contabilizando un total de trece partidos e unha diana; e a UB Conquense, na segunda parte da liga, de novo na división de bronce do fútbol nacional, participando en nove encontros. Esta sería a súa última presenza en territorio nacional ata a data, debido a que nese verán emprendería a súa experiencia en terras gregas.

Coa chegada de Jordan, Rodri Veiga dispón xa de dezaoito xogadores con contrato para iniciar a pretempada: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Guille Torres, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Jordan, Fer Beltrán, Josiño, Rafa Mella, Juan Manuel Parapar, Pablo Durán e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado