Jordan: “Despois de tanto tempo, estar de volta en Galicia é unha alegría”

De esquerda a dereita: David Castiñeiras, xerente de Castyromer, Jordan e Ramón Castro, responsable das relacións institucionais do club.

  • O mediocentro foi presentado en Castyromer, o seu patrocinador oficial, unha empresa que segue apoiando o proxecto branquiazul unha tempada máis

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

Jordan Domínguez, o novo mediocentro da SD Compostela, foi presentado esta mañá como novo xogador branquiazul na sede de Castyromer, o seu patrocinador oficial. Chegado dende terras gregas, o futbolista de Salvaterra de Miño está encantado de regresar a casa e achegar o máximo no campo para o ben do equipo.

O acto tamén serviu para presentar a continuidade no proxecto de Castyromer, unha empresa que leva moitas tempadas apoiando a andaina do Compos. “Para nós é un orgullo estar a apoiar ao club un ano máis. Desexámoslles a maior das sortes ao equipo e tamén a Jordan, para que luza a nosa imaxe da mellor maneira posible”, explicou David Castiñeiras, xerente da entidade.

Declaracións destacadas.

Volta a Galicia. Levaba seis anos fóra de casa, moi a gusto, pero despois de tanto tempo, un quere estar cerca dos seus e a nosa terra chama moito. Levaba uns anos pensando en regresar e despois de X tempo, estar aquí é unha alegría.

Contacto con Álvaro Casas. Con quen negociei todo foi con Casas (risas). Levábamos un tempo falando os dous, estiven en contacto con el durante un mes e, obviamente, tiven moi boas referencias por el e entroume moito. Despois foi chegar aquí e xa coñecía a Casas e á maioría coñecíaos de xogar con eles ou contra eles. É de agradecer de corazón a este plantel que son humildes todos, moi próximos e moi familiares.

A pretempada. Levamos unha pretempada dura, exixente, pero estamos traballando diariamente e gústanos, porque traballamos con pelota e no ximnasio. Tivemos unhas baixas importantes, nada serio, pero si importantes, o cal nos custou a eliminación, por exemplo, da Copa, e agora temos que centrarnos. Fáltanos gol e hai que traballalo, porque os partidos decídenos os goles. Gústanos xogar ben, estar a gusto no campo coa posesión, pero o importante é atopar esa efectividade de cara ao gol, que a atoparemos, estou segurísimo.

Diferenzas entre Grecia e España. É verdade que as ligas en Grecia eran profesionais, pero a calidade dos españois non a atopamos fóra e iso bótase de menos. Nunha posición como a miña, rodearte de bos xogadores sempre é positivo. Rodearte de xogadores como Josiño, Samu, Antas, Fer… os que estamos aí para competir polo posto, é de agrado.

Importancia do estado anímico. Estar ben animicamente é moi importante. Chegar ás oito da mañá a adestrar e estar feliz cos compañeiros é moi bonito.

Adaptación ao equipo. Fisicamente encóntrome moi ben, con gañas, vexo ao equipo con moitas gañas e animicamente estou alegre, moi feliz aquí, así que oxalá poida axudar o máximo posible ao equipo, á hora de ter a pelota e de estar ben tacticamente, porque intentaremos o máximo.

Corpo técnico. Persoalmente, coñecía só a Alexis, das categorías inferiores do Celta. Son todos moi boa xente, moi próximos, axúdannos en todo e estamos moi contentos. Un dez para eles. Agardamos que nos vaia ben a todos.

Anos no estranxeiro. Os anos de experiencia non chos quita ninguén. Madurei moito neste tempo como persoa e como futbolista. Tentas cometer menos erros, estar máis concentrado e ser máis profesional fóra do campo.

Crecer en España. Estou preparado mentalmente e espero que fisicamente as lesións me deixen transmitir e aportar todo o que teño. Despois de tantos anos, retornar a España tenme esa motivación extra de querer chegar a algo máis. Oxalá a final de tempada esteamos celebrando o ascenso. Teño 26 anos aínda, hai xogadores que chegan á elite con 16 e outros con 30, así que hai que estar preparados e demostralo no campo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado